RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Villares: "Todo o mundo está contento aquí e a xente ten ganas de facer un bo ano"

Diego Villares compareceu ante os medios de comunicación hoxe luns con motivo de recibir o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do Dépor da temporada 2020-21. "Sempre é agradable que a xente aprecie o teu traballo", subliña.

O mediocentro lucense recoñeceu sentirse sorprendido por este galardón despois de xogar só a metade da temporada, posto que subiu do Fabril no mes de xaneiro, aínda que admite que "fixen bos partidos e sóubose valorar ese esforzo".

Confesa que o seu salto ao Deportivo desde o filial "para min foi un soño. Desde que cheguei contei desde o primeiro momento. E contento de que poida seguir sendo así o ano que vén, que podamos optar a máis".

Desvela neste sentido que Rubén de la Barrera "falou comigo do traballo que quería de min; neses dous interiores tanto con ou sen balón. Vénme de cinema para o futbolista que son".

Por este motivo, "gustaríame que a temporada fose máis longa, pero este modelo de competición xa sabemos que é así, curto. Unha pena que non puidésemos entrar nese grupo de arriba".

Diego Villares percibe no vestiario "unha sensación de continuidade. Todo o mundo está contento aquí e a xente ten ganas de facer un bo ano".

Tamén resalta que na caseta branquiazul "confiamos en que siga o míster e poder dar continuidade ao proxecto".

Despois de desenvolver boa parte da súa aínda curta carreira en Terceira División, o centrocampista branquiazul di estar afeito a tanto tempo de parón estival porque "sempre acaba a estas alturas, salvo play off. Pero si dá a sensación de moitas vacacións".

Asentado no fútbol profesional, conta non obstante que "a vida cámbiame pouco, si adaptándome aos novos hábitos do primeiro equipo. En canto á miña vida persoal, apenas cambiou". "Paso bastante desapercibido. Son un rapaz sinxelo", engade.

O Dépor agarda unha Primera RFEF, segundo Diego Villares, "con equipos potentes que o poñan moi difícil".