RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Villares, tranquilo pola súa renovación "Chegará antes ou despois"

Diego Villares foi o protagonista hoxe mércores 5 de xaneiro na sala de prensa de Abegondo.

O centrocampista branquiazul apunta respecto da pandemia de COVID-19 que "tentas dar a máxima normalidade posible, pero sempre extremando todas as precaucións co tema de contacto sobre todo no vestiario. Tentamos pasar o menor tempo posible, sempre con máscara. A partir de aí, cando saímos ao campo, facer o noso traballo e tentar que pase isto rápido".

Acerca da súa renovación, asegura que "igual que dixo o Presi (Antonio Couceiro) o outro día, manteño o que dixen até agora: antes ou despois vai chegar. Non sabemos cando, se se pode alargar un pouquiño máis ou un pouquiño menos, pero por parte das dúas partes non hai problema ningún. Entón chegará antes ou despois".

Deixa claro que "a predisposición é boa e o que falta son pequenos flocos que tampouco temos présa en atalos". "A miña primeira opción sempre foi quedarme aquí", insiste.

Respecto da súa posición no campo, sostén que non tería "ningún problema" na súa adaptación a un esquema con dobre pivote "porque tamén xoguei moitas veces así, con dous por diante da defensa. Si que é verdade que estaba máis afeito xogar de interior, pero en en canto a iso non habería ningún problema".

Admite non obstante que "os dous últimos partidos estiven a participar menos, pero ao longo da temporada hai moitos momentos e cada un ten que saber adaptarse a eles".

Este mes de xaneiro, Diego Villares cre que, aínda que a semana que vén hai un parón "un pouquiño raro, podemos dar un paso importante tanto con esa visita do Real Racing Club como con eses partidos tan seguidos".

Antes, este domingo 9 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR ás 12:00 (Footters), toca recibir ao CF Talavera: "Esperamos un equipo que tamén tente xogar o balón coma nós", vaticina.

Precisamente sobre as restricións de aforo nos estadios, opina que "é unha medida que puxeron por este brote. Cando se free un pouquiño, que esperemos que sexa canto antes, poderanse volver encher os estadios".

Finalmente, desvela o futbolista branquiazul que aos Reis Meigos "pídolle o ascenso e se pode ser nesa primeira posición, mellor".