RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dous golazos poñen cor a un gris empate en Almería (1-1)

O Deportivo afrontaba o partido que pechaba a 14ª xornada de LaLiga 1|2|3 consciente do que clasificatoriamente suporía cada posible resultado. O aliciente de acabar por primeira vez na temporada unha xornada en posto de ascenso directo era o principal para o conxunto dun Natxo González que realizou dous cambios con respecto ao último partido ante o Oviedo en Abanca-Riazor.

O técnico vasco entregou o lateral esquerdo do equipo a Saúl García, en lugar dun Diego Caballo que quedou fóra da convocatoria definitiva, mentres que a baixa do internacional sub-21 Carlos Fernández cubriuse coa titularidade do internacional vinotinto Christian Santos.

O partido comezou impreciso por ambas as partes, con continuas perdas, faltas e situacións resoltas sen problema por ambas as defensas. As primeiras aproximacións do Dépor chegaron após un córner forzado por Quique González e que, por dúas ocasións consecutivas, botou Carles Gil sen consecuencias. O Almería xa lanzara tamén desde a esquina sen completarse o primeiro minuto, dez antes ao primeiro disparo, obra de Juan Carlos contra o corpo doutro coruñés, Álex Bergantiños.

Providencial ao corte estivo Domingos Duarte cando Corpas encaraba a frontal da área ao paso polo minuto 15 de partido. A resposta chegou dúas despois cun durísimo disparo a media altura de Edu Expósito que despexou como puido René.

Superado o primeiro cuarto de partido, após minutos de dominio local, tívoa Quique despois de recibir un pase paralelo sobre a frontal de Saúl García. O disparo do máximo goleador branquiazul marchouse desviado.

A partir de aí, o balón transitou fundamentalemente por campo deportivista, onde o armazón defensivo branquiazul actuou como frontón, sacando todos os balóns colgados, intentos de remate e pases interiores do ataque local, nun tramo de partido pouco vistoso para os espectadores.

Camiño do 40 o Dépor dispuxo dunha boa contra conducida por Carles Gil após recibir de Dani Giménez, un Carles que no momento de encarar os últimos metros esperou a chegada de Quique, o que permitiu á zaga branquivermella desbaratar o intento coruñés.

Outra boa contra do Dépor abortouna Andoni cando Christian dispúñase a rematar na frontal da área pequena un bo centro de Saúl García. O lateral cántabro, na seguinte xogada, taponou un remate á media volta de Corpas a tres metros da liña de gol.

Cos minutos menos caóticos e con máis ocasións de ambos os equipos chegouse ao descanso. Un tempo que Natxo González aproveitou para revolucionar o equipo cun dobre cambio: Michael Krohn-Dehli e Didier Moreno entraron por Carles Gil e Edu Expósito.

A continuación desenvolveuse integramente na zona de castigo do Dépor, onde o Almería embotellou ao Deportivo con varios corners seguidos e a oportunidade de Saveljich que rematou de cabeza ás mans de Dani Giménez. Así se escribiron o primeiros vinte minutos do segundo tempo. Após a entrada de Fede Cartabia por Vicente o Dépor tivo a súa primeira aproximación cun centro de Saúl que se paseou pola frontal da área pequena, onde a defensa bloqueou a posibilidade de remate de Christian, Quique e Didier.

Foi a antesala da ocasión máis clara do partido, o centro de Narváez que rematou Juan Carlos fóra, completamente só, perdoando ao equipo da súa cidade. Unha piedade que non tivo o propio Narváez a quince minutos para o final. Dentro de área acomodouna, levantou a cabeza, mirou a escuadra da portería do Dépor e alí púxoa imposible para Dani Giménez e para adiantar ao seu equipo no marcador.

Un golazo que replicou Fede Cartabia a seis minutos da conclusión cun zapatazo desde o pico da área que camiño da escuadra dobrou a man de René para pór as táboas no partido.

O choque rompeu nos últimos minutos, cos dous equipos buscando a vitoria. Oportunidade de lograla tivo Quique González recibindo após toque de cabeza de Christian, que non puido dirixir o seu potente disparo ante a presión da defensa rival.

Os dous goles foron sen dúbida o máis vistoso dun partido pouco atractivo para os afeccionados e que deixa ao Dépor na cuarta posición da clasificación a 3 puntos do líder, a AD Alcorcón.

UD Almería: René, Romera, Owona, Saveljich, Andoni, Arzura, De la Hoz, Corpas, Luis Rioja (Narváez, min. 67), Juan Carlos (Chema, min. 86) e Álvaro Giménez.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Álex Bergantiños, Edu Expósito (Krohn-Dehli, min. 46), Vicente (Fede Cartabia, min. 66), Carles Gil (Didier Moreno, min. 46), Quique González e Christian Santos.

Goles: 1-0 Narváez (min. 75); 1-1 Fede Cartabia (min. 84).

Árbitro: Ávalos Barreira (c. catalán). Amoestou a Edu Expósito (min. 32) e Romera (min. 84).

Incidencias: partido correspondente á 14ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio dos Xogos Mediterráneos.