RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"É unha semana para dar outro golpe na mesa como fixemos en Xixón", asegura Quique

Quique González asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que estamos nunha semana, coa visita este domingo 10 de febreiro ao Granada CF (18:00 horas, Movistar Partidazo), "para gañar, para dar outro golpe na mesa como fixemos en Xixón; e con moitas ganas, tralo empate que tivemos en ABANCA-RIAZOR, de gañar, de conseguir os 3 puntos e de facer un bo partido. E así iremos a Granada".

A nivel persoal, con varias semanas sen ver porta, confesa estar "moi tranquilo. Cando marcaba goles non me volvía tolo, seguía traballando como o fixen sempre. Agora que non estou a marcar porque as estatísticas así o din, sigo tranquilo, traballando igual, máis se cabe, pero coa cabeza fría".

Insiste en que "hai que manter o equilibrio perfecto cando as cousas non saen tan ben. Levo moitos partidos nisto, sei como funciona. Estou tranquilo e con moitas ganas de poder axudar o domingo".

Conclúe que "o máis importante é o Deportivo, que o Deportivo gañe. Se podo axudar con goles ao equipo moito mellor, pero tamén hai xente que pode facer goles. O máis importante é gañar, traer os 3 puntos de Granada".

Precisamente preguntado polo recente mercado de inverno, destacou que está "moi a gusto aquí. O único que penso é ascender, gozar o momento. Pode ser unha temporada moi bonita. Aínda queda moito". "Preocupábame cero o mercado de inverno", concluíu.

Do conxunto nazarí, comenta o dianteiro deportivista que "ten moi bos xogadores, ten moi bo adestrador. Coñézolle do ano pasado en Osasuna. Teño boa relación con el. Todo o que lle pase bo, alegrareime moito por el. A el custoulle chegar onde está. A priori o Granada non era un equipo que estivese aí. Pero iso son as hipóteses, iso non sérveche de nada. O que si son os feitos. Desde comezo de temporada traballan como hai que traballar. E as cousas non saen da nada".

Destaca ademais que "teñen á afección con eles a tope. Saben que vai un equipo forte. Coñecen as súas virtudes e nós deles os seus defectos. O importante é ser eficaces nas áreas. Eles estudarannos, nós igual a eles. A ver o que pasa".

Con triunfo na primeira volta en ABANCA-RIAZOR, co que cun empate este domingo no Nuevo Los Cármenes suporía avantaxar ao Granada CF no golaverage particular, advirte non obstante que "imos gañar. Daquela o fútbol non sabes o que che pode deparar. Eses pequenos detalles de goles a favor, en contra, golaverage particular... nunca sabes se o vas botar en falta. Todos eses pequenos detalles hai que telos en conta porque suman".

O pasado sábado ante o CD Tenerife en ABANCA-RIAZOR, máis escorado a banda, comentou Quique atoparse "cómodo. O míster decide onde poñerche. Ti podes ser dianteiro, pero o míster decide. As escusas non valen para nada. Comigo non van. Encantado de xogar o outro día en banda. No momento que souben que ía xogar aí, facelo o mellor posible e axudar ao equipo. Son un máis e tentar sumar sempre".

Nesta liña, presume o futbolista branquiazul de que no Deportivo "podemos xogar con varios sistemas. Ao rival seralle máis difícil de contrarrestar. Iso é o importante, adaptarnos ben ao sistema que diga o míster e automatizar eses movementos, esa maneira de xogar que leva un ou outro sistema".