RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Edu Expósito advirte que os canteiráns traballan "para poder xogar nalgún momento" no Dépor

Edu Expósito foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo, tras ampliar a semana pasada a súa relación contractual co Deportivo ata o verán de 2022. "Moi contento coa renovación, agradecido a todos no Club", manifestou.

Ademais, o futbolista do Fabril, que traballa a diario co primeiro equipo, será a partir do próximo verán, integrante do cadro profesional branquiazul. A pesar de estar "centrado no Fabril, adestro para xogar igual. Pero tampouco vou ás convocatorias (do primeiro equipo) por ir. Quero xogar, estou a adestrar para xogar. Iso xa decide o míster. Sei que aos poucos e non teño présa".

Desvelou que as negociacións co Club "non foron moi complicadas, as dúas partes estabamos contentos". Tamén contou que Tino Fernández, Presidente do Deportivo, díxolle no momento da firma que "seguise igual, que está moi contento por min e que seguise pelexando como ata agora".

Preguntado sobre a marcha do Dépor, Edu Expósito apunta que "xa o dixen moitas veces que o equipo aos poucos atoparía as sensacións e sumaría aos poucos".

Sobre o Girona, rival branquiazul este luns 23 de outubro no Estadio ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol), cre que "é un equipo que empezou moi ben a liga, con ese empate co Atlético de Madrid. Vexo un equipo bastante forte, que sabe o que fai. Aquí en casa o Dépor vai saír adiante".

Valora de forma positiva o empate logrado o pasado domingo en Eibar, precisamente con el na convocatoria: "Puntuar fóra de casa sempre é bo. Un empate ou unha vitoria fóra de casa sempre é positivo".

O mediocentro fabrilista debutou a pasada tempada en LaLiga Santander no partido disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR fronte ao Espanyol. Esta campaña xa entrou en varias convocatorias de Pepe Mel, aínda que non chegou a saltar ao terreo de xogo. Nesta liña, recalca que tanto el como outros compañeiros, caso de Francis, debutante o pasado domingo en Ipurua, "estamos a pelexar sempre desde abaixo para poder entrar en convocatorias, para adestrar con eles, para poder xogar. É un plus para nós xogar Francis, ou eu o ano pasado. Todos estamos a nos preparar para poder xogar nalgún momento", indica.

Preguntado por Francis, Edu Expósito, co que comparte vestiario tamén no Fabril, di que "ten un potencial moi grande, vaino a ir demostrando aos poucos. Connosco desde o principio moi ben, aquí en pretemporada igual. Todo o mundo alucinando con el. Vai dar moito que falar aquí no Deportivo".

Ao seu xuízo, cre que o liderado do Fabril no grupo 1º da Segunda División B débese a que "levamos un ano e medio traballando. Iso ao final nótase nos adestramentos. Moitos xogadores somos os mesmos. Todo axuda para que podamos seguir crecendo e chamando á porta do primeiro equipo".

Na súa opinión, os membros da canteira deportivista "estamos a facer un bo traballo. Estamos primeiros. Hai que seguir pelexando para adestrar co primeiro equipo e ir nas convocatorias".