RCD / NOVAS

Edu Expósito cre que onte, "co recibimento que nos fixo a afección, xa empezas gañando"

09/06/2019 13:42

Edu Expósito foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O mediocentro deportivista admite que o Málaga CF, rival do Dépor este mércores 12 de xuño (21:00 horas, Movistar Partidazo) no partido de ida da primeira eliminatoria de ascenso, chega "nun momento moi bo. Parte con vantaxe porque quedaron terceiros e nós sextos. Tentaremos preparar o partido da mellor maneira para chegar nas mellores condicións".

Do conxunto andaluz, destaca que é un equipo que está "todo o partido atacando. É moi difícil de pasar e en ataque é un dos mellores equipos, cos extremos moi rápidos, moi desequilibrantes. Aí está Ontiveros cos goles que está a facer. Ímonos a atopar a un equipo que vai ir ao ataque".

Do choque de onte, Edu queda con "as ocasións bastante claras que tivemos. É verdade que non entraron. Vin ao equipo moi ben, con ocasións moi claras. É verdade que o rival tamén xoga, tamén nos fixeron bastantes ocasións. Pero o importante ao final era a unión afección-equipo. Xa co recibimento que nos fixeron, aínda que non suba ao marcador, xa vas gañando".

Pide tranquilidade para afrontar a eliminatoria ante o Málaga CF, "mirar as cousas ben, hai que ir con calma, saber onde lle podemos facer dano e tapar onde nos poidan eles xerar problemas".

Recalca que "sempre fomos un equipo de atacar, de facer goles. Ás veces tamén estamos replegados, para tentar facer dano á contra. Manexamos todo tipo de escenarios".

A nivel persoal, despois dunha longa temporada asentado practicamente desde o inicio no once inicial, Edu Expósito asegura sentirse "moi ben. Estou a recuperar moi ben para os partidos. É verdade que os minutos van pesando pero estou moi ben recuperado". Finalmente, nese sentido lembra por contra que os malagueños "puideron facer rotacións porque tiñan o play off moi asegurado e un cadro moi amplo para poder facer iso".

Máis novas de: EDU EXPÓSITO