RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Edu Expósito: "Fixemos unha boa pretemporada todos"

Outro dos canteiráns xa asentados no Deportivo, Edu Expósito, pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O centrocampista branquiazul asegurou que "fixemos unha boa pretemporada e estamos ansiosos porque chegue o inicio de liga", que será este venres 17 de agosto no Estadio Carlos Belmonte de Albacete (22:00 horas, Gol).

A nivel persoal dixo sentirse "moi contento, traballando duro para chegar nas mellores condicións".

A esta nova temporada pídelle "primeiro estar ben para poder entrar e facelo ben. Logo xa depende de como vaian pasando as xornadas".

Lembra que este verán "o míster contou comigo nos partidos. Entrei bastante, xoguei bastantes minutos. Moi contento. É un cambio pasar de abaixo a arriba. A adaptación moi ben".

Para arrancar a liga vese "ben, como todos. Fixemos unha boa pretemporada todos. Agora é o míster o que decide quen entra neste primeiro partido en Albacete. A liga é moi longa".

Preguntado pola súa posición no esquema de Natxo González, Edu Expósito indica que "no vértice tanto dereito como esquerdo atópome bastante cómodo. E tamén de pivote. A do vértice é unha posición boa para min".

Non teme o futbolista catalán a unha das condicións que o técnico deportivista esixe os xogadores que actúen nesa posición, correr 11 ou 12 quilómetros: "Os vértices teñen que correr bastante. Todos temos que correr. Se estamos ben colocados correremos menos, se temos o balón imos correr aínda menos. E imos facer que corra o rival".

Subliña que é normal o movemento no cadro co mercado de fichaxes: "Xa dixo Carmelo (del Pozo) que ata que non termine o mercado de fichaxes vai haber entradas e saídas. Nós traballando; e o que veña e salga non depende de nós", argumenta.

Do partido en Albacete, Edu Expósito recalca que o Deportivo, "presión ningunha. Nós imos facer o noso traballo e a tentar gañar alí".

Cualificou a irrupción de Diego Caballo como unha "boa noticia para os que vimos de abaixo. É importante para que todos os que están aí abaixo, pelexen para poder chegar ao primeiro equipo".

Tamén cre que Uxío está capacitado para dar o salto: "Xa o demostrou o ano pasado con goles, cun bo traballo para nós. A súa idade impídelle subir e baixar. Está preparado para poder xogar".