RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Emocionante regreso de Tere, que será protagonista este mércores na entrega de premios do Trofeo RC Deportivo

Tere Abelleira, que onte se proclamou subcampioa de Europa Sub-17 coa Selección Española, regresou esta tarde á Coruña.

Ás oito en punto desta tarde, unha representación do cadro do Deportivo Abanca (Perdi, Estefi, María Corral e Lía) afanábanse cos preparativos de benvida na terminal do Aeroporto da Coruña: inchado de globos brancos, escritura de mensaxes en cada un deles. "Estuda", rezaba nun. "Todo de bo rollo", dicía outro.

Pasados dez minutos das oito, o incansable sorriso de Tere Abelleira aparecía pola porta de saída da sala reservada aos viaxeiros. Colgaba do seu pescozo, orgullosa, a medalla de prata lograda tan brillantemente na República Checa, despois dun gran torneo no que só Alemaña foi capaz de dobregar ás españolas.

Ataviada coa indumentaria oficial da Selección Española, a capitá do Deportivo Abanca, co seu nocello esquerdo maltreito por unha dura entrada dunha futbolista alemá, fundiuse nun emocionado abrazo con todas as súas compañeiras de equipo, que non ocultaban o seu orgullo e a súa alegría por unha nova xesta do fútbol feminino galego.

En segundo plano agardaba Manu Sánchez, adestrador do equipo, o seu descubridor no fútbol e o que a incorporou ao Dépor, paso clave na carreira deportiva de Tere, consciente do potencial desta moza galega de sorriso permanente.

Xogadora e técnico fundíronse nun emocionante abrazo de benvida que expresa a complicidade entre ambos.

Tere Abelleira, acompañada por Estefi, pichichi do Deportivo Abanca esta temporada recentemente concluída, serán as encargadas, xunto aos capitáns do Deportivo (Laure, Álex Bergantiños, Lux e Mosquera) de entregar os premios aos gañadores do XIV Trofeo RC Deportivo benxamín e prebenxamín, que se xoga en Abegondo o mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas.

De seguro a cidade deportiva de Abegondo, viveiro de futbolistas branquiazuis desde o ano 2003, tributará un emocionante aplauso a Tere polo seu gran papel con España na cita continental. Un chanzo máis na súa proxección como deportista.