RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Empate no primeiro dos dous partidos consecutivos do Dépor (1-1)

Por primeira vez en moitos anos, máis aló das citas no Teresa Herrera cando o formato era cuadrangular, o Deportivo afronta en 24 horas dous partidos de pretemporada en días consecutivos. Por iso o técnico, Borja Jiménez, apostou por unha convocatoria curta para taxar a carga de minutos nas pernas dos diferentes futbolistas entre o venres e o sábado.

Cunha temperatura elevada en terras ourensás, ao partido custoulle saír do letargo co que arrincou durante case media hora na que o dominio, sen apenas chegadas, correspondeu aos locais. A pesar diso, as primeiras ocasións foron branquiazuis cunha chegada de Rafa de Vicente por banda que atallou Diego. Esa ocasión abriu a espita do partido. Na resposta, Sylla fixo intervir por primeira vez a Alberto Sánchez que chapou sen problemas o tiro frouxo polo centro da portería. A mellor ocasión, goles á marxe, tamén levou a firma de Rafa de Vicente cun potente tiro ao pau. Doncel, na súa estrea como Deportivista, tentouno de lonxe nun balón que chegou botando para que o gardameta local desviase a córner.

Se na primeira parte o encontro foi de menos a máis, na segunda a tendencia investiuse. Héctor disparou frouxo desde a frontal na antesala do gol do Dépor: unha recuperación de Yeremay para servir a Noel na frontal da área que o de Silleda marcou case pracer con toda a defesa e o porteiro fóra de sitio polo erro na saída do balón.

A punto estivo de empatar Sylla no 51, algo que logrou Renan no 54 de penalti nunha xogada máis que discutible xunto ao pau entre Rafa de Vicente e Adri Castro que o colexiado entendeu como pena máxima. Álex Fernández, nunha afastada falta directa tamén rozou o gol da vitoria local mentres que o da visitante púidoo asinar Gandoy ao obrigar a unha espectacular estirada a Diego.

Finalmente, sen ocasións claras no desenlace, ningún dos dous equipos rompeu o equilibro co que o Dépor pausou o fútbol de competición durante 22 horas antes de afrontar mañá o epílogo da pretemporada en Ordes fronte ao Pontevedra.

CD Arenteiro: Diego, Vitra, Portela, Mariña (Cassio, min. 75), Markitos (Pol Bueso, min. 75), Álex Fernández (Rubén Arce, min. 86), Renan (Cruz, min. 70), Sylla (Sobrido, min. 70), Joseca (Naveira, min. 70), Eimil e Adri Castro (Joni, min. 70).

RC Deportivo: Alberto Sánchez (Pablo Brea, min. 78), Alberto Benito, Trigueros, Granero (Juan Rodríguez, min. 70), Héctor (Iván Guerrero, min. 78), Calavera, Rafa de Vicente, Yeremay, Gandoy (Borges, min. 70), Doncel e Noel

Goles: 0-1 Noel (min. 49); 1-1 Renan -p- (min. 54)

Árbitro: Fernández Rodríguez (c. Galego). Amoestou a Adri Castro (min. 18), Renan (min.21), Alberto Benito (min. 34), Sylla (min. 42) e Pablo Trigueros (min. 73)

Incidencias: penúltimo partido da Dépor Xira 2021 disputado no Campo de Espiñedo (O Carballiño). Cheo con aforamento reducido.