RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Emre Çolak, sen minutos con Turquía. Fayçal golea con Marrocos. Borges cae con Costa Rica

- Foto: Türkiye Futbol Federasyonu -

Tres deportivistas tiveron onte venres 24 de marzo partido internacional coa súa respectiva selección nacional: Celso Borges (Costa Rica), Fayçal (Marrocos) e Emre Çolak (Turquía). Os dous primeiros foron titulares nos seus equipos.

Emre Çolak, sen minutos fronte a Finlandia

Emre Çolak, nun gran momento de xogo no Dépor, foi citado por Turquía para dous partidos internacionais.

O primeiro deles foi onte venres 24 de marzo ante Finlandia no Antalya Area da localidade turca de Antalya, clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018. Gañou Turquía (2-0). Emre Çolak non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O segundo choque de Turquía será amigable, con Moldavia como rival, o luns 27 de marzo (19:15, hora local), no New Eskisehir Stadium da cidade de Eskisehir.

Fayçal golea con Marrocos

Fayçal Fajr, que tivo unha destacada actuación na última edición da Copa de África, está concentrado con Marrocos para dous partidos amigables.

O primeiro deles foi onte venres 24 fronte a Burkina Fasso no Gran Estadio de Marrakech. Gañou Marrocos (2-0) cun gol de Fayçal, que arrincou o choque de titular e foi substituído no minuto 88.

O segundo encontro neste parón será o martes 28 ante Tunes, ás 21:00 e no mesmo escenario.

Duro encontro para Celso Borges en México, esta madrugada en España

Celso Borges foi finalmente convocado pola súa selección nacional, Costa Rica, para dous partidos oficiais, correspondentes á eliminatoria pola zona CONCACAF para o Mundial de Rusia 2018.

Así, onte venres 24 de marzo (esta pasada madrugada en España), Costa Rica caeu (2-0) ante México, no Estadio Azteca de Cidade de México. O mediocentro deportivista disputou o noventa minutos dun partido que quedou sentenciado practicamente na primeira metade.

O martes 28, Costa Rica xogará ante Honduras no Estadio Francisco Morazán de San Pedro Sula. O choque arrincará ás 15:00 (hora local).

Amigable de Kakuta este domingo fronte a Kenia

O xogador do Deportivo Gaël Kakuta foi convocado pola súa selección, a República Democrática do Congo, para un partido amigable ante Kenia.

O choque está fixado para o domingo 26 de marzo (15:00 horas) no Kenyatta Stadium da cidade kenyana de Machakos.

Ao finalizar o encontro, o atacante deportivista emprenderá viaxe de regreso á Coruña.