RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Eneko Bóveda cre que poder acabar a liga "depende de algo que está moi por encima do fútbol"

Eneko Bóveda atendeu aos medios de comunicación na sala de prensa virtual do RC Deportivo, minutos antes de que a Comisión de Seguimento Liga-RFEF anunciase a suspensión das competicións profesionais ata que o Goberno de España e as autoridades competentes consideren que se poidan iniciar de novo.

O defensor deportivista cre que finalizar a competición esta temporada "depende de algo que está moi por encima do fútbol, de algo que está a afectar a todo o mundo. Os prazos non os vai a marcar a necesidade que teña LaLiga ou o fútbol de terminar certas competicións se non como avance ou deixe de avanzar esta pandemia". "Outra cousa é que a nós nos gustaría que se poidese xogar, que as competicións acabasen e as clasificacións finais fosen o máis xustas posibles", engade.

Nesta liña, considera que "o que pasa no fútbol supoño que estará a pasar tamén a nivel empresarial en moitos sitios. Xente que ve a posibilidade de ter perdas importantes son os que máis présa teñan por volver a unha situación normal. Oxalá isto acábese pronto, oxalá se poidan minimizar as perdas pero primeiro vai ser solucionar o problema de saúde que agora existe e despois tentar entre todos amotiguar esas posibles perdas que poida haber e tentar que non as haxa".

Respecto dos ERTES aos que se sumaron clubs deportivos, apunta que "os futbolistas somos un colectivo que non deixamos de ser traballadores. A lexislación é a mesma para nós que para calquera traballador. Hai certas cousas que non dependen dun mesmo, nin sequera dos traballadores. Nós temos os nosos organismos para defendernos e velar polos nosos intereses. E o que imos tentar é o ideal nesta situación que se presupoñen perdas económicas importantes a todos os niveis, e o máis xusto sería asumir a repartición máis xusta posible desas perdas e que ninguén sexa o máis prexudicado. É a situación ideal en calquera grupo ou colectivo".

Mostra o seu desexo de que se poida renovar a competición e apunta que "os futbolistas estamos en xeral dispostos a afrontar un escenario non ideal se é polo ben de que a roda poida seguir virando. Non sei como está o tema legal de poder seguir xogando máis aló da finalización de certos contratos (30 de xuño) pero neste punto todo o mundo asume que vai ter que facer un esforzo que en principio non estabamos preparados".

Ás persoas que se saltan o confinamento, Eneko Bóveda pide que "pensen nas persoas que máis están a sufrir isto, as vítimas directamente da enfermidade, como a xente que está a ter que traballar e pasa por diante súa unha chea de persoas, como a xente que está a pasar un día após outro nunha casa pequena con moita xente ou coidando a nenos pequenos. Iso debería quitar as ganas de saltarse calquera recomendación".

Subliña que esta situación "é algo que se lembrará moito tempo, que nos preguntarán os nosos fillos. Se nos lembran por algo será por actuar ben e non por ser a xeración desastre".

En canto á súa situación persoal, advirte que queda un ano máis de contrato no Dépor e "estou contento aquí, moi contento, no Club e a miña familia na cidade. Penso en Deportivo a día de hoxe. Despois un como futbolista non pode facerse moitos plans máis aló de maio ou xuño".

Asegura que "vai moi ben" a recuperación da súa lesión muscular. "Atéñome ao plan que me manda o fisioterapeuta, agora xa co readaptador. En poucos días unireime ao plan xeral que temos con Manuel (Pombo). As situacións son moi boas. Nunha situación normal estaría a empezar a adestrar co grupo ou moi preto".

Esta situación de confinamento, segundo Eneko Bóveda, traerá consecuencias a nivel mental. "Haberá xente que teña máis espazo para facer cousas en casa, menos espazo; máis ferramentas, menos; máis ganas, menos ganas; que colla peso antes, que colla menos. Vai ser curioso a volta á marcha, oxalá que pronto. Temos ao corpo técnico moi encima para que non nos deixemos porque é o noso deber. Psicoloxicamente, como persoas normais, como un grupo de 25 persoas normais, algúns tenderán a estar máis tristes, outros máis felices, ansiosos, apáticos. De momento eu estou moi ben. Teño un entretemento que non se lle acaban as pilas que é o meu fillo. Tampouco me sobra o tempo durante o día. Animar á xente tamén", aclara.

Conta que quedou na Coruña, "a miña muller, o meu fillo e a miña irmá que xusto viñera de visita. Estamos a levalo ben. O neno está encantado de que esteamos máis tempo que nunca en casa e con el. Tentamos ser o máis organizados posibles, cun horario moi marcado para non caer na desgana de non facer nada. De ánimos ben. Non está a ser días especialmente malos e si raros".