RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Eneko Bóveda: "Temos un grupo moi bo"

Eneko Bóveda, aínda que evitou comparar este vestiario co da temporada pasada, asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "temos un grupo moi, moi, moi bo, que se adestra moi, moi, moi ben".

Ante isto, advirte o central vasco que "a dificultade é mantelo no tempo cando as aliñacións se van repetindo, ou veñen mal dadas, ou perdes uns partidos seguidos, apúpanche ou o que sexa. Ante estas dificultades vaise a ver realmente a calidade do grupo".

Sobre a renovación do cadro, Bóveda explica que "son decisións que ao final non son miñas. Eu non fixen o cadro, nin fichei a ninguén, nin botei a ninguén. Hai unha Dirección Deportiva pola que se apostou. Se se acerta ou non se acerta, a responsabilidade vai ser sobre todo dela. Foi a que detectou certas necesidades, futbolísticas, non futbolísticas. En base a iso tomáronse unhas decisións. Estou moi contento de como estamos a día de hoxe e a miña perspectiva de futuro é boa".

Do Sporting de Gijón, rival do Dépor este domingo 9 de setembro no Estadio ABANCA-RIAZOR (20:45 horas, Movistar Partidazo), indica que "a súa esixencia vai ser parecida á nosa. En moitas roldas de prensa estarán a falar máis ou menos do mesmo, de que é moi importante poñerse arriba, de que hai que manterse arriba, de que hai que subir. Tennos que servir para darnos conta de que non vai ser unha carreira fácil. O domingo xogamos contra uns que teñen o mesmo obxectivo. A semana seguinte ou a seguinte será o mesmo. Ao Sporting ímoslle a respectar nin máis nin menos que ao Extremadura, o Albacete ou o Tenerife".

Confesa que "foi un pouco raro" o inicio de liga, con 3 partidos fóra da Coruña. "Probablemente gustaríanos un calendario de xogar fóra e en casa sobre todo para sacar outro tipo de conclusións. Con moitas ganas de estrearnos aquí e de ver a cara que vai mostrar o equipo en casa", apunta.

Do choque no Heliodoro Rodríguez López de Tenerife, subliña que "houbo na segunda parte uns cuantos minutos onde nos vimos sometidos. Era un momento onde tiñamos que dar un paso adiante. Gañáronnos moitas accións. Un é crítico pero sen máis. Tampouco se ten porqué repetir".

Parella do portugués Domingos Duarte neste arranque ligueiro no eixo da defensa do Dépor, o futbolista vasco manifestou que "desde o principio tivemos química máis aló do campo, tamén fóra. É un rapaz que ten unha actitude moi boa. Con iso, a min persoalmente tenme gañado. Estou moi gusto con el".

Con 5 puntos sobre 9 xogados, Bóveda queda co positivo: "Non perdes e ao final ningún equipo demostra ser mellor que ti". No entanto, admite que "tal e como foron os partidos, tampouco é de estrañar que sacásemos algún punto máis. Temos que ser esixentes con nos mesmos. Tampouco podemos estar do todo conformes".

Nesta liña, a nivel individual, o defensor deportivista conta que "cada partido foi diferente. Nos 2 primeiros partidos atopeime ben e este último partido (o pasado sábado en Tenerife), non me gustou como xoguei. Ao final isto é fútbol e ás veces estás mellor e ás veces peor. Depende do equipo, do rival, de moitas cousas. Pero un é esixente e sempre quere render ben".

Iso si, non oculta a súa satisfacción por non ter ningunha molestia "nese xemelgo, nese tendón de Aquiles. A partir de aí, sendo consciente que estiven moito tempo parado, o lóxico sería que o meu rendemento fose crecendo ao longo da temporada".

Preguntado polas obras nas cubertas no Estadio ABANCA-RIAZOR, "sei que hai xente á que se vai a recolocar. Todos temos que ser comprensivos. Hai unhas necesidades que están por riba de necesidades individuais. É un investimento para agora e o futuro. É un tema transitorio ou que vai ser curto. Os que estean van querer ver un bo Dépor", opina.

Recoñece que "os que estivemos o ano pasado sentes, non sei se estás en débeda, pero si ao final a ver se esta temporada tanto a xente que está na bancada, como os que estamos no vestiario, os que nos seguen todos os días, temos un ano con máis alegrías e máis goce".

Ademais, aclara que tomou a decisión de quedar no Dépor "analizando un pouco a miña situación, de onde viña, como fora a miña última temporada, como terminara a temporada, as conversacións que tiven con Carmelo con vistas ao futuro. Con todo iso, son unha persoa que non lle gusta estar até o último día. Prefiro ter claro onde vou estar, meterme ao 100 % nun proxecto canto antes posible. Ao final depende un pouco da personalidade que teñas, de como sexas e de como valores as túas opcións".