RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Eneko Bóveda ve a un Dépor "en fase de construción, de atoparse e de buscar o seu máximo potencial"

Eneko Bóveda atendeu esta mañá aos medios de comunicación na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR, en rolda de prensa telemática.

Un dos capitáns deportivistas lembrou que o partido do pasado domingo en Guijuelo lembroulle a outros disputados anteriormente co Bilbao Athletic ou a SD Eibar: "Non me pillou de sorpresa. Os partidos foron nesa liña, con moita dificultade e cun hándicap importante que era o terreo de xogo".

Após defender a camiseta branquiazul en Primeira e Segunda División, cre que o Dépor está aclimatado á Segunda División B: "Non vexo problema de adaptación á categoría. Vexo a un equipo que está en fase de construción, de atoparse e de buscar o seu máximo potencial. Non vexo que a cabeza dos xogadores estea noutra categoría que non sexa a Segunda B. E iso é o paso máis importante para a partir de aí crecer como equipo e afrontar con garantías o que nos toca, que é esta liga".

Do Racing de Ferrol, rival este domingo 29 de novembro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG), pensa Eneko Bóveda que se trata dun equipo "que ten obxectivos parecidos aos nosos. Un equipo construído para ascender ou polo menos para estar a pelexar polos postos de arriba. Un club con certo potencial. É un partido bonito, con moitos xogadores que son coñecidos para o público en xeral. E iso pode facer un pouco máis atractivo o partido".

É consciente que as críticas polo xogo do equipo "son esperables, ou previsibles. A sensación que un ten é que cada semana se enfronta un a unha final, a un partido onde non se pode fallar. Unha vez que asinamos este ano co Dépor estabamos condenados a esta situación, a esta realidade. Condenados quero dicir no sentido da carga que supón ser consciente de que calquera trompazo, calquera mal partido, calquera mal resultado ía supoñer unha semana de críticas, de dúbidas cara ao equipo".

Cualifica a situación actual do Dépor como "curiosa. Por unha banda van os resultados e por outro o xogo. De momento a mostra para avaliar ao equipo é pequena. Enfrontámonos outra vez a un gañar ou gañar. Se gañamos o partido do Racing de Ferrol adiante a nosa nota até o momento a pesar de quen lle pesa será moi boa. E se non gañamos, aquelas voces máis críticas terán máis razóns ao seu favor. Estamos así. As expectativas son moi grandes e a esixencia é máxima".

Nesta liña, indica que "A Coruña é unha praza preciosa pero é unha praza difícil. Nese sentido haberá clubs que saquen vantaxe dunha contorna máis acougada, máis neutra; onde é moito máis difícil estar pendente de todo aquilo que pase ao redor. Ao mesmo tempo temos a potencialidade de que o día en que o equipo, #ANOSAFORZA e prensa vaiamos da man, podemos ser moi grandes. Seguramente nos corresponde a nós dar ese primeiro paso, seguramente esteamos a deixar fría a moita xente. Sen autofustigarse demasiado, estamos no camiño de enganchar á xente, de xerar esa onda, é a oportunidade agora que tocamos fondo estando en Segunda División B".