RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Entradas para os partidos do Teresa Herrera do domingo 20 en ABANCA-RIAZOR

Todos os Socios do Real Club Deportivo que renovasen ou estean dados de alta até o luns 14 de decembro de 2020 poden optar a unha das localidades dispoñibles, todas da bancada de Tribuna, cun prezo único por entrada de 3 euros, para o partido do LXXV Trofeo Teresa Herrera masculino entre o RC Deportivo e un Combinado do Fútbol Afeccionado Coruñés (ABANCA-RIAZOR, domingo 20 de decembro ás 12:00 h.). O mesmo prezo terán as entradas para o Dépor ABANCA B-Victoria CF do VIII Trofeo Teresa Herrera feminino que se disputa no mesmo escenario a partir das 16:30 h. Toda a recadación obtida pola venda entradas será destinada a causas solidarias.

Todos os Socios que teñan interese en poder comprar unha entrada para calquera dos dous partidos deberán solicitalo formalmente, para cada choque, a través da web: http://reservas.rcdeportivo.es na que deberán introducir os seus datos: nome, apelidos, ID de socio, 4 últimas cifras do DNI e correo electrónico. Este procedemento ten tres fins: poder realizar a solicitude da entrada; en caso de adxudicación de entrada, poder notificar ao socio que ten dereito á adquisición da mesma; e, ademais, levar un control de repartición en atención á normativa sanitaria de seguimento da COVID-19.

A solicitude formal debe realizarse entre a publicación desta normativa e o xoves 17 de decembro ás 14:00 horas, momento no que se pechará o prazo de solicitudes de entradas para estes dous partidos do Trofeo Teresa Herrera.

Unha vez pechado o prazo notificarase vía correo electrónico a aqueles que sexan adxudicatarios da posibilidade de adquirir unha entrada como se desenvolverá o proceso de compra, 100% telemático.

No momento da compra da entrada, asignaranse os datos de fila e asento a cada socio adxudicatario, responsable desde ese momento do uso posterior desa entrada en caso de rastrexo por COVID-19.