RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Escolas Luis Calvo e Cee renovan o seu compromiso coa Escola RC Deportivo

A Escola RC Deportivo continuará outro ano na localidade de Cee, acordo que foi presentado este venres 17 de setembro no concello ceense.

A Escola RC Deportivo Luis Calvo-Cee será realidade un ano máis grazas á colaboración da Fundación RC Deportivo coas Escolas Luis Calvo e o Unión Club Cee. Á presentación asistiron Ramón Iglesias, presidente do Unión Club Cee; Margarita Lamela, alcaldesa de Cee; David Iglesias, coordinador de fútbol base das Escolas Luis Calvo; Juanma Buiturón; concelleiro de deportes de Cee; e Pablo Barros, coordinador de actividades formativas da Fundación RC Deportivo.

As inscricións xa se atopan abertas, para nenos e nenas entre os 6 e os 14 anos, na web escola.rcdeportivo.es/gl, e permanecerán abertas durante todo o curso, até o mes de maio. A Escola RC Deportivo Luis Calvo-Cee terá dúas quendas dispoñibles: os luns de 17:30 a 18:30 e de 18:30 a 19:30 horas.

Como principal novidade este ano a cada participante co pago da matrícula entregaráselle un equipamento Kappa oficial da Escola RC Deportivo coa que é obrigatorio acudir aos adestramentos.

O luns 4 de outubro comezarán as clases impartidas polos adestradores da canteira do RC Deportivo, que levarán a cabo durante toda a temporada até o mes de maio de 2022. As prazas son limitadas e aplicarase un protocolo de medidas hixiénico-sanitarias especial fronte á COVID-19.

A Fundación RC Deportivo pon en marcha, por cuarta temporada consecutiva, esta actividade formativa e lúdica que consegue achegar o Dépor e o sentimento deportivista a través dunha metodoloxía de educación en fútbol e en valores deportivos, formando aos novos futbolistas baixo a supervisión dos adestradores do Real Club Deportivo. Ademais da Escola RC Deportivo Luis Calvo-Cee, a Fundación RC Deportivo organiza outro catro na Coruña, Bertamiráns, Boiro e Caranza.

Para calquera outra dúbida ou aclaración, pódese contactar coa dirección da Escola no correo electrónico escola@rcdeportivo.es.