RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

España, hoxe con Carlota no banco, golea a Portugal e xa está en semifinais do Europeo sub-17

- Foto: @SeFutbolFem -

A xogadora do Deportivo ABANCA B Carlota Sánchez está concentrada coa selección española sub-17 na Fase Final do Campionato de Europa da categoría.

España goleou hoxe sábado 11 de maio (0-6) a Portugal, no duelo decisivo para pasar de rolda. Nesta ocasión, Carlota seguiu o choque desde o banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

Con este resultado, a selección pasa a semifinais como primeira de grupo. O vindeiro martes 14 de maio mídese a Holanda (17:30) na localidade búlgara de Kabarna, por un posto na gran final.

A futbolista do Dépor ABANCA B estreouse o pasado mércores como goleadora no triunfo de España ante a anfitrioa Bulgaria (0-3). Após arrincar o choque no once titular, a atacante deportivista, no minuto 42 de xogo, aproveitou un rexeite da súa compañeira Isabel Pala para abrir o marcador e encarrilar o primeiro triunfo español no torneo.

Na segunda metade, concretamente no minuto 66, Carlota foi relevada por Ornella Vignola.

A xogadora coruñesa debutou no Europeo o pasado domingo 5 de maio ante Dinamarca no once inicial español. Xogou 64 minutos, ata que foi relevada por Julia Bartel.

O choque acabou en igualada (0-0), aínda que a selección española, vixente campioa, gozou de innumerables ocasións de gol, até un total de 24 disparos a porta.

O calendario de España, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:

Domingo 5 de maio
ESPAÑA 0 - DINAMARCA 0

Mércores 8 de maio
BULGARIA 0 - ESPAÑA 3

Sábado 11 de maio
PORTUGAL 0 - ESPAÑA 6

Martes 14 de maio
Semifinal
17:30: ESPAÑA - HOLANDA, en Kabarna

Carlota segue os pasos dados con anterioridade por outras xogadoras deportivistas como Teresa Abelleira, Nuria Rábano e Malena Mieres, tamén internacionais en categorías inferiores.

Por este motivo, a atacante branquiazul non pode xogar co seu equipo, o Deportivo ABANCA B, o encontro en Vigo ante o Sárdoma CF B (mañá domingo 12 de maio, 18:00 horas), correspondente á xornada 30, última, na Primeira Autonómica.