RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

España sub-20 supera a Rusia con tripla presenza deportivista no once e un gol de María Méndez

- Foto: sefutbol.com -

O Deportivo ABANCA atópase nunha semana de parón ligueiro en cadro, posto que un total de 8 futbolistas do primeiro equipo están coas súas respectivas seleccións nacionais: Misa, Noelia Villegas, Athenea, Teresa Abelleira, María Méndez, Kika, Michelle Romero e Gaby.

España sub-20, con Athenea, Teresa e María Méndez no once, superou a Rusia

Athenea del Castillo, Teresa Abelleira e María Méndez están concentradas coa selección española sub-20 na localidade murciana de San Pedro del Pinatar até o vindeiro domingo 10 de novembro.

O combinado nacional sub-20 disputará nas instalacións do Pinatar Arena Football Center dous encontros amigables, o primeiro deles hoxe xoves ante Rusia.

Gañaron (2-0) as españolas, con Teresa Abelleira, María Méndez e Athenea no once inicial. Ademais, María anotou o segundo tanto da selección.

Teresa e María Méndez xogaron 75 minutos; e Athenea estivo todo o choque no campo.

A próxima cita de España será ante Francia, o sábado 9 de novembro ás 18:30 horas.

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Xoves 7 de novembro
ESPAÑA 2 - RUSIA 0

Sábado 9 de novembro
18:30: ESPAÑA - FRANCIA

Só o FC Barcelona, con 4 xogadoras, supera a achega do Dépor ABANCA nesta lista de 21 futbolistas citadas polo seleccionador nacional Pedro López.

Athenea, Teresa e María Méndez coincidiron no combinado nacional sub-19 durante o pasado mes de xullo, cando alcanzaron as semifinais do Campionato de Europa disputado en Escocia. Esa posición outorgou ao equipo español un dos catro billetes da UEFA para a próxima Copa do Mundo sub-20, que terá lugar en Nixeria entre os días 3 e 22 de xullo de 2020.

Gaby, Kika e Michelle Romero participaron no amigable de Venezuela ante a AS Roma

As deportivistas Kika, Gaby e Michelle Romero están concentradas en Roma (Italia), desde o pasado luns 4 ao martes 12 de novembro.

A selección exercítase nas instalacións do Hotel Mancini Park baixo a supervisión de Pamela Conti, Directora Técnica do combinado venezolano.

Onte xoves, Venezuela disputou un amigable ante o AS Roma, conxunto que milita na máxima categoría do fútbol italiano, no estadio Tre Fontane da capital transalpina.

Caeron as venezolanas (4-2), nun partido con minutos de xogo para as 3 futbolistas do Deportivo ABANCA. Gaby e Michelle Romero saíron de inicio na primeira metade e Kika xogou a segunda parte.

Hoxe xoves, último día da primeira concentración da selección española absoluta promesas, con Misa e Noelia Villegas

- Foto: sefutbol.com -

María Isabel Rodríguez 'Misa' e Noelia Villegas, xogadoras do Deportivo ABANCA, foron incluídas por Montse Tomé na primeira citación da historia da selección española absoluta promesas, un combinado entre a sub-19 e a absoluta.

O funcionamento será como o dun primeiro equipo e un filial, tendo sesións de adestramento simultáneas, podendo disputar partidos de adestramento entre ambas as seleccións.

A porteira e defensa branquiazuis forman parte dunha lista de 18 futbolistas que traballa na Ciudad del Fútbol de Las Rozas desde onte martes 5 a hoxe xoves 7 de novembro.

Precisamente hoxe, a selección absoluta promesas enfrontouse á absoluta nun encontro de 60 minutos de duración. O equipo A impúxose por 3-2 ao B, no que as 2 deportivistas formaron de inicio disputando o primeiro tempo.

No curriculum de Misa coas diferentes seleccións españolas hai un título Europeo sub-19 e unha participación nun Mundial sub-20, en 2018, no que alcanzou o subcampeonato.

Pola súa banda, Villegas acudiu a diversas sesións de adestramento das seleccións nacionais sub-16, sub-17 e sub-19, aínda que non chegou a disputar partidos oficiais con ningunha delas.