RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estamos con todas as opcións intactas no tramo decisivo", lembra Álex Bergantiños

Álex Bergantiños compareceu esta mañá ante os medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O capitán deportivista, tralo empate de onte en La Rosaleda ante o Málaga CF, cre que "estamos cun nivel moi superior fóra de ABANCA-RIAZOR ao que fixemos ao principio de temporada. O equipo competiu moi ben".

Nun partido "moi igualado, con dous equipos moi intensos, se alguén estivo máis preto de gañar fomos nós. Satisfeitos coa imaxe que demos, co partido que fixemos. É un punto bo. Mantémonos aí. Agora veñen partidos importantes en ABANCA-RIAZOR. Pode ser o pasiño que nos falta para alcanzar esas prazas de arriba".

Na súa opinión, o Dépor, a 3 puntos do liderado, está ben situado: "Isto é unha carreira de fondo, como dixemos sempre. Hai que chegar no grupo de cabeza ao final, ás últimas 10 xornadas que é onde se vai a decidir todo o que levamos acumulado. Estamos na pelexa".

Volve insistir que agora "veñen 3 partidos consecutivos en ABANCA-RIAZOR que che poden facer dar un salto importante. Pero sabemos da dificultade que ten sacalos. Temos que tentar dar un puntiño máis respecto dos últimos partidos que tivemos na casa".

Cualifica de "importante" o feito de "recuperar a moita xente que tivemos fóra. Vai facer crecer ao grupo tanto nos adestramentos como na competición".

Preguntado polo partido deste luns 4 de marzo en ABANCA-RIAZOR ante o AD Alcorcón (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3), Álex o ve como "fundamental para nós, para iniciar ben esta serie de partidos en casa consecutivos".

É consciente que "pode inquietar o partido o luns, que veña da fin de semana e non se fale moito do partido, e que imos xogar despois de todos os rivais".

Por conseguinte, pide á afección que "se enchufe connosco desde o primeiro momento. É fundamental nesta categoría os partidos de casa. A xente tense que enganchar neste tramo final porque vai ser determinante. Ese puntiño que nos poida faltar téñennolo que dar eles. Eu creo que ABANCA-RIAZOR vai responder".

Lembra que "foi un ano difícil despois do golpe do descenso. Ao principio se cadra custa engancharte á competición. Agora que se achegan partidos decisivos, e vendo o apertado da clasificación, a afección vai responder, vaise a enganchar a ABANCA-RIAZOR e imos ver un ambiente quente nestes partidos que quedan".

Sen perder ningún partido contra os actuais 4 primeiros clasificados, Álex resalta que este dato demostra que "somos un dos mellores equipos. Perder só 3 partidos até o momento, só fixémolo nós e o Albacete. Competimos contra todos os de arriba sacando bos resultados. Estamos cos mellores da categoría, a 3 puntos do líder. Iso dános confianza de que podamos gañar a calquera en calquera campo. Temos un punto máis nesta segunda volta nos partidos fóra de ABANCA-RIAZOR. En canto a xogo non estivemos ao noso nivel competitivo en moitos partidos. A dinámica ten que ser esta. Oxalá podamos seguir sen derrotas, que é fundamental".

Está convencido o mediocentro branquiazul que "a longo prazo o equipo vai conseguir vitorias. Se seguimos sendo competitivos, concedendo pouco e non colleitando derrotas, pódenos dar para lograr o obxectivo final".

É máis, presume de números: "Somos o máximo ou dos máximos goleadores, a 1 gol en contra de ser o menos goleado. O balance é bo. En canto a puntos podiámolo ter repartido mellor nalgún partido. Estamos na pelexa e con todas as opcións intactas no tramo decisivo da competición".

Vaticina que será "importante a fortaleza mental que teñen todos os equipos. Nós nese aspecto somos un cadro forte, moi repartidos os minutos. Neses partidos decisivos ao final creo que non nos imos a poñer nerviosos como lles pode pasar se cadra a outros equipos. Pode ser un punto ao noso favor neste tramo final".