RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estou convencido que ao final de temporada estaremos arriba, na pelexa", asegura Álex Bergantiños

Álex Bergantiños pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O capitán deportivista asegura que o equipo está "a afrontar con naturalidade o que nos pasou. Foi un partido (o do Real Unión) no que o rendemento non foi o que se reflectiu no resultado. Este deporte é así. Nos últimos partidos estamos a facer máis méritos que puntos. Hai que afrontalo con tranquilidade sabendo as cousas que fixemos mal, que temos que mellorar".

Sostén que a liña ten que ser "de estabilidade, de tranquilidade. Igual que nos primeiros partidos tivemos máis eficacia nas áreas que os rivais, nestes últimos xogando mellor tivemos peores resultados. É parte do deporte, afrontalo así. Facendo ben as cousas a longo prazo as cousas sairán e teremos os puntos que nos merezamos a final de temporada".

Lembra que "perder, sempre doe. Está claro que che vas amolado. É certo que non todas as derrotas son iguais, pero non podemos contentarnos con iso. Fomos moi superiores en canto a xogo, en canto a xerar opcións de gol, en canto a propoñer, pero tamén nos equivocamos gravemente ao conceder dous goles nos dous únicos disparos que nos puideron facer en todo o partido. Temos que ser conscientes diso. Hai que buscar un termo medio entre saber que cousas fixeches ben, reforzalas e seguir insistindo nelas; e tamén que non nos sirva de compracencia o feito de xerar moito porque non metemos e ao final o que importa no fútbol é o resultado e as veces que acertas".

O mediocentro coruñés alégrase de que "este ano non temos esa situación do ano pasado, co formato que había. É unha liga normal. Igual que cando gañamos catro seguidos diciamos que ían chegar momentos de peores resultados, estamos preparados para eles. Agora chegaron momentos con mellor xogo que resultados. Isto vai cambiar. Volveremos coller xeiras positivas e volverá haber momentos de peor xogo e peores resultados. Hai que ter unha estabilidade. É unha competición igualada como todas as categorías. Ao final vaise a xogar todo nos últimos partidos. Calquera equipo pode sacar resultados, hai igualdade. Temos máis méritos que puntos pero estamos cos mellores arriba. Estou convencido que ao final de temporada estaremos arriba, na pelexa e con opcións de conseguir o ascenso".

De regreso este sábado a ABANCA-RIAZOR ante a UD San Sebastián de los Reyes (19:00 horas, Footters), Álex Bergantiños opina que "en casa os equipos sempre sacan moitos máis puntos e máis nestas categorías, que cambian moito uns campos a outros. Está claro que ten que ser noso principal bastión de puntos as vitorias en ABANCA-RIAZOR. O último partido escapóusenos na última xogada, pero temos que tentar recuperar iso: volver ser fiables, non encaixar, facer un equipo forte en casa que saque os seus partidos adiante. Loxicamente algunha vez escaparánseche, como nos pasou o último, pero ten que ser a base do ano, gañar o máximo posible en casa. Co nivel que temos, fóra imos sacar bastantes puntos. Tentar que sexa xa este sábado para darlle a volta a esta xeira que levamos e volver ter esa tranquilidade que che dá unha vitoria e máis ante #ANOSAFORZA".

Precisamente subliña que o ano pasado, "o formato da competición facíache sentir todo como máis urxente, aínda que logo quedámonos a un punto de entrar á seguinte fase e pasábanos un pouco como agora, que Unionistas quitábanos non sei cantos puntos e se dura cinco xornadas máis igual quedásemos antes que eles. O formato axuda a ter esa tranquilidade".

Ademais, recalca que "a confección tanto do club como do cadro é moi diferente. A xente que veu este ano está afeita á categoría, está afeita a gañar, a perder... A importancia que ten un Dépor en Primeira RFEF é moito máis grande por todo o que supón: contorna, afección, medios de comunicación... É todo moito máis desproporcionado, máis grande que noutros sitios, pero ao final a competición é a mesma. Axúdanos a que sexa máis natural todo, as vitorias, as derrotas, o como se gaña, o como se perde, en que tipo de campos. A xente que está este ano no vestiario tíñao claro desde o principio e estao asumindo con naturalidade e con ganas de conseguir un gran obxectivo polo que pelexaron moitos deles xa noutros equipos".

Quere deixar claro que "imos pasar por bos momentos, malos momentos. Hai que ter esa tranquilidade en todo momento de ver o camiño que tes. Sabemos que somos un cadro importante, que temos, seguramente, mellor nivel individual en moitos xogadores que a media da categoría; e que temos o obxectivo e a obrigación de estar arriba. Pero como calquera equipo dos favoritos de calquera categoría do mundo pasa por bos e malos momentos. Sabemos que imos volver a gañar, que imos acabar o ano arriba e hai que ter esa tranquilidade. No deporte todo o mundo gaña, todo o mundo perde, facendo bos partidos, tendo erros, tendo acertos... E é parte do proceso. Esa normalidade, polo menos eu percíboa no vestiario e tamén #ANOSAFORZA e a contorna que temos dentro do Club entendeuno así".

É consciente que "cando perdes pasas malos momentos, pero é parte do camiño e hai que estar preparado para iso, como xa avisamos que ía pasar. Sempre queres que se atrase o máximo posible, que dure o menos posible o mal momento pois como está a ser agora destes tres partidos, pero pasará e volverán bos resultados e xeiras positivas outra vez".

En canto á súa relación con Borja Jiménez, conta que "desde que chegou utilizoume un pouco para informarse das cousas que vía dentro do Club, de coñecer como vive o xogador do Deportivo desde dentro e demais. A miña relación con el é moi boa. Logo ao final son un xogador máis por moito que no campo teñamos que corrixir cousas, cambiar movementos, posicionamentos. A nosa posición nos centrais, mediocampo, está máis propensa a ese tipo de indicacións e tentamos estar atentos ás posibles adaptacións que hai durante os partidos. Hoxe en día téndese a facer mini partidos de xadrez durante os partidos, porque o rival che vai cambiando, ti vas cambiando e temos que estar preparados, non só eu. Todos os compañeiros están en boa sintonía con Borja e estamos moi contentos con como nos transmite, como nos prepara os partidos, como nos prepara para o rival que imos ter en cada momento. Todo está a ser moi positivo con el e oxalá teñamos esa sorte de que o bo traballo que está a facer repercuta nos resultados e acabemos conseguindo o obxectivo".