RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estou nun equipo que o ten todo", presume Christian Santos

Christian Santos manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que as súas sensacións son boas tralos primeiros días de pretemporada: "Estou moi feliz de estar aquí na Coruña. Os compañeiros trátanme ben. Teño sorte dar cun grupo tan bo".

Márcase o dianteiro venezolano, de ascendencia ourensá por parte de pai, como obxectivo principal "a nivel persoal chegar nunha forma óptima, a un nivel bo, ao primeiro partido. Coller confianza cos compañeiros, ese é o meu primeiro obxectivo".

Reitera tamén que a meta debe ser "atopar equipo e que cada xogador chegue a un nivel óptimo. A partir de aí as cousas daranse por si mesmas".

Non se marca unha cifra de goles: "Iso vén coa temporada. Se cada un fai as cousas ben, e cada un achega o que debe facer, iso vén só".

Da súa traxectoria, máis brillante en Holanda que no Alavés, explícao o dianteiro deportivista como algo propio do fútbol: "Tes momentos bos, momentos malos. Tocoume nos últimos dous anos participar menos en competición. Pero iso non quere dicir que non estiven aí esforzándome, adestrando ben. Merecíame xogar máis. Non me deron eses minutos. É unha razón pola que non seguín aí".

Nesta liña, opina que esta temporada é unha oportunidade para reinvindicarse: "É unha das miñas metas persoais, chegar ao meu nivel óptimo outra vez".

Non cre que fichar polo Dépor en Segunda División sexa un paso atrás na súa carreira: "Sempre é un paso adiante cando un toma outro camiño. Estou nun equipo que o ten todo. Estou nunha posición na que podo facer o que máis me gusta. Creo que vou florecer aquí".

Asegura que nestes primeiros días na Coruña non sentiu presión polo obxectivo de ascender a Primeira: "Estou enfocado máis no día a día, en adestrar ben. Non me enfoco moito no que di a xente fóra do noso círculo. É importante manter o foco nos adestramentos. Ese é o camiño".

Antes de emitir un xuízo sobre a Segunda División, prefire ir "partido a partido. Os rivais estarán preparados como nós témonos que preparar. O que vale é partido a partido. Se nos toca o sábado contra o filial, para min é o máis importante. Chegar aí ben, facer as cousas ben e entre semana ir vendo como vai indo o equipo".

Garda un bonito recordo da vez que xogou coa selección do seu país, Venezuela, ante Galicia no amigable disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR o 20 de maio de 2016: "O ambiente no estadio foi bastante bonito".