RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fabril, o mércores ás 18:30, e Racing de Ferrol, o sábado ás 19:00, primeiros rivais do Dépor na pretemporada

O primeiro encontro da pretemporada branquiazul, entre o Deportivo e o Fabril, celebrarase o mércores 24 de xullo a partir das 18:30 horas no Campo 1 da Cidade Deportiva de Abegondo.

O RC Deportivo advirte aos seus afeccionados que unicamente poderán presenciar o encontro os posuidores do carné de socio da Temporada 2019-20, até completar capacidade. Non se porán entradas de pago á venda nin se poderá acceder á Cidade Deportiva co abono do curso pasado.

Este primeiro choque, do mesmo xeito que o que abriu a pretemporada 2018-2019, non se disputará a 90 minutos.

O conxunto branquiazul pechará a segunda semana de traballo co segundo encontro de preparación. Será o sábado 27 de xullo, fronte ao Racing de Ferrol no campo de Cantarrana en Viveiro.

O encontro dará inicio ás 19:00 horas. No mesmo porase en xogo o Trofeo 25 Aniversario da Peña Deportivista de Viveiro, cuxos actos conmemorativos se inician mañá martes 23 de xullo coa inauguración dunha exposición sobre o seu cuarto de século de vida. A Sala Municipal da Praza Maior de Viveiro acollerá a mostra, desde as 21:00 horas do martes até o día do partido.

Ambos os encontros poderán seguirse, como todos os da pretemporada branquiazul, pola canle de Youtube do RC Deportivo.

As datas e horarios pechados polo momento no calendario de traballo do Dépor son:

Mércores 24 de xullo, 18:30: Cidade Deportiva de Abegondo, Deportivo-Fabril
Sábado 27 de xullo, 19:00: Cantarrana (Viveiro), Deportivo-Racing de Ferrol
Mércores 31 de xullo: Pasarón (Pontevedra), 21:00 h. Deportivo-Tenerife; 22:00 h. Pontevedra-Deportivo
Sábado 3 de agosto: A Magdalena (Vilalba), Deportivo-SD Ponferradina
Sábado 10 de agosto: ABANCA-RIAZOR, 21:00 h. Deportivo-Real Betis