RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Falece Carlos Torres, ex xogador e ex adestrador de Fabril e Deportivo

Carlos Torres Barallobre, xogador e adestrador tanto do Fabril como do Deportivo nos anos 50, 60 e 70, faleceu hoxe na Coruña aos 86 anos de idade.

Nacido o 17 de xaneiro de 1934 na Coruña, Carlos Torres levaba o deportivismo nas veas, pois o seu pai era Pepe Torres, histórico xogador do Deportivo (1928-1934) que tamén foi adestrador (1933-1936) e directivo (1945-1952) branquiazul e presidente do Fabril (1954-1956).

Carlos Torres comezou a xogar ao fútbol no Cantábrico, un equipo infantil da praza de Santa Catalina. Posteriormente militou no Alameda e na SD Sin Querer, de onde foi fichado polo CD Juvenil, filial deportivista, en 1950, antes de pasar ao Fabril, tamén asociado ao Deportivo, ao curso seguinte.

Entre medias, Carlos Torres, con só 16 anos, tivo a oportunidade de participar na xira que o Deportivo realizou por Portugal en abril de 1950, semanas antes de proclamarse subcampión de Primeira División. Os branquiazuis xogaron partidos en Lisboa contra o CF Os Belenenses e o Atlético Clube de Portugal, e en Vila Real, un 90 km ao leste de Porto, na homenaxe ao exdeportivista Reboredo, que adestraba ao titular da localidade. Aínda que se lle pode ver nas fotos (segundo pola esquerda na imaxe baixo estas liñas, entre Tino, Juanete, Moll e Dieste), nas crónicas xornalísticas non consta que chegase a disputar un só minuto naqueles tres encontros.

O Deportivo non lle abriu as portas do primeiro equipo, polo que mediada a temporada 1952-1953 fichou por un RC Celta de Vigo que necesitaba reforzos como auga de maio debido a unha praga de lesións. En Vigo, Torres xogou catro campañas e media antes de ser traspasado ao RCD Espanyol, co que logrou os seus maiores éxitos como xogador. En Sarriá xogou cinco temporadas e media, durante as que alcanzou a internacionalidad B con España en dúas ocasións: contra Portugal en Lisboa o 13 de abril de 1958 e fronte a Turquía en San Sebastián o 5 de xullo de 1959, compartindo selección con xogadores que despois serían habituais na absoluta como Araquistain, Olivella, Del Sol, Peiró ou Collar.

Despois dunha campaña e media no CD Málaga, regresou a Riazor a piques de cumprir os 30 anos, para reforzar ao Deportivo de cara ao seu regreso a Primeira na Temporada 1964-65. Naquel curso, o seu único como xogador do primeiro cadro branquiazul, Carlos Torres xogou 10 partidos (8 de Liga e 2 de Copa) nos que non converteu ningún gol.

Como adestrador, Carlos Torres dirixiu ao Galicia de Caracas, á selección galega xuvenil e á SD Compostela, antes de converterse en peza importante do fútbol formativo do Deportivo. Na canteira branquiazul dirixiu primeiro aos Xuvenís e logo ao Fabril, do que tamén foi segundo adestrador, durante un breve período de tempo (9 partidos), ao comezo da Temporada 1973-1974, antes de asumir a dirección do primeiro equipo, tamén durante un breve espazo (10 encontros) no curso que acabou co descenso a Terceira División.

O velorio de Carlos Torres ten lugar no tanatorio Servisa (sala número 7).

O RC Deportivo quere transmitir o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, ex compañeiros e a todo o deportivismo. DEP.