RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Falece o doutor Cobián, médico dos seis títulos de #ANOSAHISTORIA

César Cobián Fernández de la Puente (A Coruña, 26 de outubro de 1957), médico do RC Deportivo durante case dúas décadas, faleceu hoxe aos 64 anos de idade.

O doutor Cobián estivo vinculado ao Club entre 1991 e 2007, polo que formou parte do equipo que conquistou os seis títulos oficiais de #ANOSAHISTORIA. Cobián comezou traballando de xeito conxunto co doutor Barbeito Couceiro ata que trala xubilación deste, en 1994, asumiu a coordinación dos Servizos Médicos do RC Deportivo.

Cobián abandonou o RC Deportivo no verán de 2007, cando xa levaba oito anos compartindo labores co doutor Barral, para mudarse á Comunidade Valenciana. Alí, o doutor Cobián tamén dirixiu os servizos médicos de CD Castellón, Hércules CF, CD Alcoyano e Orihuela CF.

O galeno coruñés tamén foi responsable médico da Federación Galega de Natación, do OAR de balonmán e da selección de fútbol de Guinea Ecuatorial durante a Copa de África de Nacións de 2012, membro da Comisión Antidopaxe do Consello Superior de Deportes e presidente da Asociación Española de Médicos de Fútbol.

Hai pouco máis dun ano, o doutor Cobián deixaba o seu traballo no Hospital IMED de Elxe para regresar á súa cidade e iniciar un tratamento contra un cancro de pulmón que desgraciadamente non puido superar.

O RC Deportivo quere transmitir as súas condolencias e mostrar o seu máis sentido e sincero pésame á familia Cobián, ex compañeiros e amigos. DEP.