RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Falece Rabadeira, xogador deportivista en Primeira, Segunda e Terceira na década dos 70

O ex xogador deportivista José García Martínez, máis coñecido como Rabadeira (Cerceda, A Coruña, 11 de abril de 1952), faleceu onte martes 31 de maio aos 70 anos de idade. Rabadeira militou no primeiro equipo durante seis temporadas, entre 1972 e 1978, previo paso polos xuvenís e o Fabril.

Alcumado así por ser orixinario do lugar de Rabadeira, no concello de Cerceda, este extremo driblador e centrador chegou aos xuvenís branquiazuis en 1969, despois de xogar no Cerceda e no Celas de Peiro. Após unha temporada no último escalafón das categorías inferiores, incorporouse ao Fabril na Temporada 1970-1971. Co filial xogou dúas campañas, unha en Terceira e outra en Rexional, nas que acumulou 65 partidos e 17 goles.

Rabadeira estreouse co primeiro equipo ao comezo da última temporada en Primeira División en case dúas décadas. O dianteiro cercedense debutou o 10 de setembro de 1972, en choque da 2ª xornada da máxima categoría fronte ao Granada CF (0-0) en Riazor. Arsenio Iglesias era o adestrador branquiazul. A foto baixo estas liñas corresponde ao once daquel día. De pé, de esquerda a dereita: Seoane, Belló, Zugazaga, Cholo, Plaza e Luis. Agachados: Juanito, Loureda, Beci, Cervera e Rabadeira.

Rabadeira é un dos poucos futbolistas que xogou co Deportivo en tres categorías. Formou parte do equipo que sufriu dous descensos consecutivos en pouco menos de doce meses, entre a derrota no Vicente Calderón o 20 de maio de 1973 que supuxo o descenso a Segunda e a sufrida no Luis Sitjar o 12 de maio de 1974 que certificou a primeira caída da historia do Club ao terceiro chanzo do fútbol nacional.

O extremo cercedense disputou un total de 149 encontros oficiais co primeiro equipo deportivista, nos que anotou 24 goles. Xogou 17 en Primeira, onde non viu porta. En Segunda disputou 77 choques, asinando 9 tantos. En Terceira foi un dos baluartes do rápido regreso á categoría de prata, con 34 partidos e 10 goles. O seu balance complétase con 21 encontros e 5 goles en Copa.

O seu último encontro co Deportivo foi o 19 de febreiro de 1978, en Segunda División fronte ao Calvo Sotelo de Puertollano (5-1) en Riazor. A temporada seguinte, 1978-1979, saíu cedido ao Levante UD, na recentemente creada Segunda División B, logrando o ascenso a Segunda. Ao seu regreso o club deulle a carta de liberdade e Rabadeira colgou as botas con só 27 anos despois de sufrir unha lesión de xeonllo, aínda que con posterioridade xogou ao fútbol sala.

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e excompañeros. DEP