RCD / NOVAS

Fayçal, Andone e Kakuta foron titulares hoxe coas súas seleccións

10/06/2017 23:13

- Foto: www.frmf.ma -

Tres futbolistas do Deportivo tiveron hoxe sábado partido internacional coas súas respectivas seleccións: Fayçal (con Marrocos), Andone (con Romanía) e Kakuta (coa RD do Congo). Os tres foron titulares.

Marrocos, con Fayçal, caeu en Camerún

Hoxe sábado 10 de xuño, Marrocos, con Fayçal Fajr, visitou Camerún, en partido que se xogou no Estadio Omnisports Ahmadou-Ahidjo de Yaoundé, clasificatorio para a Copa de África.

Caeu Marrocos (1-0), e Fayçal xogou completo o encontro. Dispuxo o centrocampista branquiazul dalgunha boa oportunidade para marcar.

O centrocampista branquiazul foi titular no amigable do mércores 31 de maio ante Holanda no Gran Estadio de Agadir. Foi relevado no último minuto do encontro por Bammou. O partido levoullo Holanda por 1-2.

Florin Andone saíu de inicio en Polonia

Tamén hoxe sábado, a selección romanesa, con Florin Andone no once inicial, visitou a Polonia, en partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

O dianteiro deportivista xogou completo un partido que se saldou con triunfo polaco (3-1).

O martes 13, Romanía mídese a Chile nun partido amigable que terá lugar na cidade de Cluj.

Kakuta gaña á República do Congo

O xogador branquiazul Gaël Kakuta mediuse á Republica do Congo, en partido clasificatorio para a Copa de África Camerún 2019, que se xogou no Stade des Martyrs de Kinshasa.

Kakuta foi titular e xogou 60 minutos. Participou activamente o atacante deportivista no triunfo do seu equipo (3-1).

O pasado luns, a RD Congo disputou un amigable ante Botswana en Rabat. Gañaron os congoleños (2-0) sen Kakuta, que non chegou a saltar ao terreo de xogo, quizais pensando no partido oficial de hoxe sábado.

Partido importante de Emre Çolak con Turquía, ante Kósovo

Mañá domingo 11 de xuño, Turquía, na que se atopa concentrado Emre Çolak, enfróntase a Kósovo ás 20:45 (hora local), no Loro Borici Stadium da cidade albanesa de Shkoder. O partido é clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

O pasado luns, a selección turca, con Emre Çolak no once inicial, visitou Macedonia nun partido amigable que se xogou na capital Skopje.

Houbo empate sen goles (0-0), e o centrocampista do Dépor foi substituído no minuto 79 por Yilmaz.

Choque de desgaste de Celso Borges con Costa Rica

O pasado xoves 8 de xuño (ás 4:00 de onte venres 9 en España), Costa Rica, con Celso Borges de titular, empatou con Panamá (0-0) no Estadio Nacional de San José, capital do país centroamericano.

O mediocentro branquiazul xogou os noventa minutos dun partido con moito desgaste, posto que o central costarriqueño Giancarlo González foi expulsado con vermella directa no minuto 54 de partido.

O martes 13 de xuño, á mesma hora e no mesmo escenario, os 'ticos' reciben tamén a Trinidad e Tobago.

Ambos os encontros son clasificatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Máis novas de: FAYÇAL, ANDONE, KAKUTA

RCD / Noticias Relacionadas