RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Cartabia advirte que "imos polo bo camiño"

Fede Cartabia, após recibir a alta médica, pasouse este mediodía pola sala de prensa de Abegondo.

Recoñece non empezar "con bo pé coas lesións. Agora estou contento porque volvo para axudar ao equipo".

Advirte que está ao 100%, porque "se non, non estaría co equipo. Se estás é que estás ao 100% porque cho esixe este Club e os compañeiros que están á beira".

Non oculta que levou mal estes días pasados no dique seco: "É un pouco feo. Un sempre quere axudar, quere xogar. O ano pasado xa estiven moito tempo sen xogar. O único que pido é que de aquí a final de temporada as lesións me respecten para ter unha continuidade".

Ve ao equipo neste inicio de LaLiga 1|2|3 "ben. Isto acaba de comezar. Levamos 3 partidos fóra, moi difíciles. Sacamos 5 puntos. Obviamente queremos sacar os 9. Pero creo que é un balance positivo. Debemos seguir crecendo e a partir de aí isto é larguísimo, recentemente comeza. Xogamos en casa. Imos tentar facernos fortes acá. Non vai ser un partido fácil tampouco".

Sobre a visita do Sporting de Gijón este domingo 9 de setembro ao Estadio ABANCA-RIAZOR (20:45, Movistar Partidazo), lembra Fede Cartabia que "isto é moi longo. Acaba de empezar. Hai que ter moita tranquilidade, hai que saber estar. Imos tentar gañalo obviamente. Queremos gañar todos os partidos. Pero sabemos que a Segunda División é moi igualada e moi longa. Temos que tratar de sumar os maiores puntos".

Espera un partido igualado, tal e como puido comprobar nos minutos que disputou en Albacete, correspondentes á 1ª xornada: "Isto é moi igualado. É difícil de facerlle situacións ao rival, igual que nola fagan a nós. Este adestrador puxo un sistema no que nos crean moi pouco (os rivais). A partir de aí temos que seguir crecendo. Imos polo bo camiño".

Iso si, o atacante arxentino asegura que aínda "temos que mellorar en moitas facetas. Temos que crear máis ocasións, facer máis goles. Isto acaba de empezar, somos moitos xogadores novos, corpo técnico novo. Non é escusa pero creo que imos polo bo camiño. Temos que ter moita humildade, seguir crecendo e adestrando para poder mellorar".

Comenta Fede Cartabia que Natxo González pide aos xogadores máis adiantados que "esteamos xuntos á hora de defender e que á hora de atacar tiremos do equipo e fagamos goles, que é o máis importante".

Resta importancia ás lesións que de golpe se cebaron coa dianteira, como no seu propio caso, ou o de Quique González ou Borja Valle: "Son cousas que pasan no fútbol. Oxalá se recuperen pronto porque os necesitamos".