RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Cartabia: "Aquí estou moi cómodo, moi feliz. É unha cidade que me deu moito"

Fede Cartabia pasouse este mediodía pola sala de prensa de Abegondo.

O atacante deportivista explicou en primeiro lugar ante os medios de comunicación a súa decisión de quedar no Deportivo: "Cando me fun de vacacións tiven a oportunidade de falar con Carmelo. Expreseille a miña forma de pensar, a miña opinión, que se saía tiña que ser algo moi bo para min e para o Club. Chegados a esta altura, houbo moitas cousas que non me convenceron e creo que o mellor foi pechar todo e pensar en estar acá para tentar volver onde merecemos".

Advirte iso si que "xogar en Segunda División non é fácil. Son moitos os factores que cambian. Non é o mesmo estar na elite que en Segunda División. Cambia todo. Puxen na balanza moitas cousas, a miña familia. E o mellor vai ser xogarma acá".

Recoñece que houbo unha oferta "moi boa. Faite dubidar, faite pensar, faite pór na balanza todo. A miña muller axudoume moito, deume forza para poder pensar. Ao final creo que o mellor é seguir acá". Engadiu, sen dar ningún nome, que era un interese real que chegou do estranxeiro, "de moito diñeiro".

Conclúe o futbolista hispano-arxentino que "tes unha nena, unha familia, cambiar de idioma, cambiar moitas cousas. Acá son feliz. Quédanme 3 anos máis e voumo a xogar todo acá".

Confesa o dianteiro branquiazul que o Club "en todo momento transmitiume que quere que me quedase. O Presidente (Tino Fernández) chamábame case todos os días ao meu axente xunto con Carmelo (del Pozo). Mostrou un interese moi bo. Estou moi agradecido a eles. Espero devolverllo con alegrías dentro da cancha".

Non sente un futbolista diferencial no Dépor ou en LaLiga 1|2|3: "Aquí estou moi cómodo, moi feliz. É unha cidade que me deu moito. Agora nos momentos difíciles o que temos que facer é arrimar o ombreiro, remar na mesma dirección para poder ascender, que é o máis importante".

Nesta liña, asume Fede Cartabia "axudar en todo o que estea ao meu alcance cando me toque e no que me toque. Son un máis do cadro que vai tentar axudar".

Admite certa présa en decidirse. Argumentou que "é normal. Para o Club, para a programación do adestrador, saber un pouco antes foi o que me fixo tomar a decisión máis rápido para eu estar máis tranquilo e centrado. Agradézolle ao Presidente a insistencia que tivo. É un gran culpable de que siga acá".

Asegura estar "moi contento" co cadro. "Uns compañeiros moi bos, un grupo moi bo. Vai ser moi importante para a Segunda División, que é moi longa. Imos mellorando partido a partido, acatando os conceptos do adestrador. Imos estar na pelexa, na loita. Somos o Deportivo e tentaremos saír a gañar en todas as canchas", apostila.

Espera este venres 17 de agosto (22:00, Gol) en Albacete, na primeira xornada de liga, "un partido moi difícil. Veremos como se dá co paso dos minutos. Vannos a estar a esperar con ganas. Tentaremos ir gañar. Somos o Deportivo".

A pesar de que vaticina unha temporada "moi longa, con altibaixos. Imos saber sufrir e está claro que imos buscar o obxectivo de ascender, dunha e outra forma. Teño moita confianza neste proxecto que me transmitiu Tino".