RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Cartabia fala dunha semana de "tranquilidade, de traballar, corrixir erros e seguir aprendendo"

Fede Cartabia foi protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Recoñeceu que "necesitabamos gañar. Viñamos dunha serie negativa onde por tramos xogabamos ben e por tramos non. Por sorte gañamos ao Getafe. Agora unha semana de tranquilidade, traballar, corrixir os erros e seguir aprendendo. Despois temos tres partidos importantes".

Precisamente pide "mirar o partido de Eibar, centrarnos nese e despois o que vén. Son tres partidos que, se sumamos puntos, podémonos despegar e ter unha tranquilidade tanto a nivel colectivo como individual".

Explicou que a semana pasada vivírona os xogadores de maneira "normal". "Os resultados non se deron e a contorna estaba un pouco nerviosa. Nós estabamos moi tranquilos. Sabiamos que ía ser un partido moi difícil. Púxosenos costa arriba. Por sorte puidemos gañalo", engadiu.

Preferiu non opinar sobre a posibilidade de que houbese cambio de adestrador se o equipo non sacase adiante o último partido ligueiro: "A culpa non é só do adestrador, senón tamén de todos, tanto a directiva, como os xogadores como todo o que está ao redor de nós".

Ao seu xuízo, destaca do Deportivo que gañou aos xetafenses que "non encaixamos goles e as que tivemos metémolas. Eles chegaron dúas veces e metéronnos un gol. É difícil un equipo rochoso como o Getafe que fai falta tras falta. Por sorte puidemos facer dous goles. Fixemos bo fútbol durante case todo o partido. Creamos moitas ocasións. O porteiro deles foi o mellor. Por sorte a última entrou".

Décimo quintos na clasificación, cre Fede Cartabia que hai que ir "partido a partido. Viñamos dunha serie negativa. Agora debemos aproveitar que gañamos e estamos de sorte positiva. Imos a Eibar, un partido moi complicado. Eles tamén veñen de perder varios partidos. Oxalá gañemos. Nós queremos ir para arriba obviamente".

A nivel persoal, un dos fixos no once de Pepe Mel nos últimos partidos, recoñece que "a miña idea era esta. Xogar todo, ser un xogador importante. Estou a atoparme moi ben. Quero seguir crecendo para poder axudar ao equipo. Oxalá sigamos nesta liña e gañemos".

Deste Fede Cartabia ao primeiro que estivo no Deportivo, fai tres temporadas, apunta que "son un mozo máis maduro. Aprendín moito. Os partidos danche aprender, seguir crecendo. Tácticamente mellorei unha chea e a partir de aí as miñas virtudes vense moito máis".

Do choque da 8ª xornada de LaLiga Santander en Eibar (domingo 15 de outubro, 12:00 horas, Bein LaLiga), o atacante deportivista subliña que "será un partido moi difícil. Eles veñen tamén de perder. Nós temos que facer o noso partido e tratar de traernos o tres puntos, que xa toca gañar fóra de casa".