RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Valverde recoñece que "melloramos moito a actitude"

Fede Valverde foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Asegura após a vitoria do pasado luns no Estadio de Gran Canaria que "é unha motivación gañar. É a forza para seguir adestrando día a día. Dáche unha motivación grande para o partido contra o Atlético".

Lembra o internacional uruguaio que "viñamos de partidos difíciles, duros, que non se nos deron os resultados. Gañar nas Palmas ben o merecemos moito e dános unha motivación grande para xogar o sábado".

Precisamente do Atlético de Madrid, rival este sábado 4 de novembro no Estadio ABANCA-RIAZOR (16:15 horas, Bein LaLiga), opina Valverde que "é un equipo grande. Ten bos xogadores, saben o que fan. Pero nós estamos a traballar moi duro para poder reverter todo isto e estámolo facendo aos poucos".

Subliña que "é un equipo moi duro. Ten estrelas. Desde o porteiro ao dianteiro son moi bos no que fan. Por algo están onde están. O sábado é un gran partido e hai que aproveitalo por como están a vir".

Por este motivo, Fede Valverde vaticina un partido "moi duro, como son eles. Son moi aguerridos, tratan de saír en contragolpe, as que teñen sempre as meten dentro e hai que ter coidado con iso".

Promete "facer todo o posible para que o Dépor trate de gañar. Facer o que sabemos facer, xogar o balón, atacar e defender da mellor forma".

Confesou non poder falar aínda cos seus compatriotas, caso de José María Giménez ou Diego Godín, aos que eloxia: "Son estrelas mundiais. Fan o mellor na súa posición. Eu destácoo non só polo futbolístico senón por como son como persoas. Abríronme as portas en Uruguai e estou moi agradecido a eles".

Iso si, advirte que "somos amigos fóra, pero dentro (da cancha) somos rivais".

Deixa claro o centrocampista branquiazul, preguntado pola súa nova localización no equipo da man de Cristóbal Parralo, que "trato de facelo o mellor posible onde me poña o míster. Está a colocarme nesa posición (máis cara ao centro do terreo) e síntome bastante cómodo. Contra Las Palmas había que marcar ao seu '6', que era o que movía o balón para todos os lados, e eu tiña que estar moi concentrado nel. Por sorte fíxeno moi ben".

Recoñece que "melloramos nós moito a actitude. Os resultados tamén están a axudar moito".