RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Valverde ve no Dépor "un grupo moi forte, moi unido"

Fede Valverde compareceu ante os medios de comunicación nada máis finalizar a sesión de recuperación realizada polo primeiro equipo esta mañá na Casa del Agua.

O mediocentro deportivista asegura que cumpriu un soño ao debutar o pasado martes en Asunción (Paraguai) coa selección absoluta de Uruguai, e ademais marcando o primeiro tanto do partido: "Nunca me imaxinei que fora a pasar iso. No momento que metín o gol foi algo incrible".

Lembra desa noite especial que quedará gravada para sempre na súa memoria ter "moita confianza no partido grazas aos meus compañeiros. O gol foi algo inesquecible".

Confesou que "ao principio estaba nervioso e ansioso. Cos minutos funme soltando e co apoio dos compañeiros solteime de todo. Foime ben".

Comentou que ao finalizar o choque, futbolistas de talla mundial como Luis Suárez ou Cavani "felicitáronme polo esforzo que fixen polo grupo, polo que me sacrifiquei na cancha. Que me saúden uns ídolos como eles é algo inesquecible para min".

Co horizonte no Mundial de Rusia do próximo verán, Fede Valverde opina que "foi un paso importante nas eliminatorias. O resultado do outro día achéganos cada vez máis ao obxectivo. Simplemente seguir adestrando ao máximo e a esperar ao que veña".

Xa de regreso á Coruña, o centrocampista branquiazul advirte que "agora teño que esforzarme para poder ter un lugar acá no Dépor, que é onde loito tanto para poder estar".

Sobre o cadro deportivista, Fede Valverde cre que "temos un grupo moi forte, moi unido". Iso si, destaca que "a xente quere moito a Lucas Pérez. Faise notar. Esperemos que nos axude moito e achegar todo o seu potencial aquí".

Neste sentido, manifestou estar "moi agradecido aos meus compañeiros. Son unha persoa tímida, cústame moito. Eles adoptáronme moi ben".

Con só un adestramento co Deportivo nas últimas dúas semanas debido ao seu paso pola selección, e cara ao encontro deste domingo 10 de setembro ás 12:00 horas no Estadio ABANCA-RIAZOR (Bein LaLiga), vese "con moitas ganas. Motivado e con ganas de xogar o partido do domingo. Esperemos a ver se o míster pódeme poñer". "Síntome ben, estou ben e ás ordes", recalcou.