RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fede Valverde, Xogador Estrella, asegura esperanzado que "os resultados irán cambiando aos poucos"

O centrocampista Fede Valverde recibiu esta mañá en Abegondo, de mans de Eduardo Barba e Maximino Calviño, responsables da Cervecería Sampaio, o premio ao Xogador Estrella correspondente ao pasado mes de outubro.

O internacional uruguaio, pola súa banda, fixo entrega a ambos os profesionais, nomeados hostaleiros do citado mes de outubro, dunha camiseta asinada por todo o cadro.

Valverde mostrouse orgulloso deste recoñecemento: "É espectacular, teño que agradecer á afección, porque son os que apoian partido a partido. Este premio é grazas a eles pero tamén para todo o grupo".

Do choque en Málaga, o centrocampista branquiazul opina que "tiñamos todo controlado. Relaxámonos cando pasamos a gañar 2-1. O empuxón da afección do Málaga e do equipo mesmo fíxolles gañar".

Explica que esa relaxación se debeu a que "iamos gañando e tiñamos todo controlado. Eramos moito mellor que eles até o 1-2, fómonos para atrás e erro noso. Custounos a vitoria".

Desvela que Cristóbal lles indicou esta mesma mañá, nunha charla previa ao adestramento, que "non hai que relaxarnos. Hai que seguir ao cento por cento perdamos ou gañemos. Hai que seguir da mesma forma e os resultados van ir cambiando aos poucos". "Hai que seguir cambiando a actitude do grupo, ser máis fortes, que é o que estamos a facer. Non relaxarnos cando esteamos a gañar, que xa nos pasou varias veces", insiste.

Preguntado polos cambios na Rosaleda, Valverde subliñou que "non vou opinar sobre iso. As tácticas que fai o míster son cousa del e fainas porque sabe. Tiroume á banda, tentei facelo o mellor posible. Perdemos que é o que importa".

Cualifica o choque ante o Athletic Club deste domingo 26 de novembro no Estadio ABANCA-RIAZOR (12:00 horas, Bein LaLiga), pertencente á xornada 13ª de LaLiga Santander, como "moi duro. É un equipo no que desde os defensas aos dianteiros marcan. Cando atacan, atacan o once. É difícil e hai que controlar".

Non cre que o partido de mañá xoves ante o Hertha de Berlín na Europa League vaia a pasar factura ao equipo vasco na Coruña: "Son profesionais. Están preparados para xogar todos os días. Iso é o de menos", concluíu.