RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Elguea, deportivista no curso 1959-1960, faleceu aos 84 anos

- Elguea, primeiro de pé pola dereita, co Deportivo que saltou ao Molinón o 3 de xaneiro de 1960 -

Fernando Elguea Mendoza, futbolista do Deportivo na Temporada 1959-1960, faleceu hoxe domingo á idade de 84 anos.

Elguea, nacido na localidade biscaíña de Durango o 20 de setembro de 1936, chegou ao Deportivo a proba en setembro de 1959, despois de xogar a temporada precedente co Atlético Ceuta, en Segunda División, e con anterioridade no Athletic Club (1956-1957) e o Alavés (1957-1958).

Defensa de gran presenza física, con 1,83 metros de estatura, unicamente disputou 6 encontros oficiais coa camiseta deportivista, 5 deles en Segunda División e 1 en Copa. Manín e Ponte pecháronlle as portas da titularidade nunha temporada na que os branquiazuis, dirixidos por Jesús Barrio, acabaron na cuarta posición do grupo norte de Segunda División, aínda que lonxe do ascenso.

O seu debut produciuse o 8 de novembro de 1959, fronte a un conxunto da súa terra, o Basconia (2-0 en Riazor), e o seu último encontro, o 1 de maio de 1960, curiosamente foi en San Mamés fronte ao Athletic Club, entidade á que estivo vinculado durante máis de 30 anos a través da súa asociación de veteranos, como tesoureiro da mesma.

O RC Deportivo quere transmitir as súas condolencias a familiares, amigos e compañeiros. DEP.