RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Macedo 'Nano', un exfutbolista profesional transmitindo coñecemento no DéporCampus Cabreiroá 2021

Unha vintena de adestradores son os principais motores do DéporCampus Cabreiroá 2021, que desde o pasado luns 5 de xullo e até o vindeiro venres 9 está en funcionamento nas sedes de Abegondo (segunda quenda), Caranza, Boiro, Ourense e Viveiro; cun total de case 300 nenos e nenas.

Cada mañá, afánanse porque os rapaces gocen cada minuto do fútbol e á vez adquiran conceptos técnicos. Pero tamén son os responsables de inculcar valores fundamentais como o respecto, compañeirismo, deportividade... 

Entre os 23 'profes' hai adestradores formados na Escola de Técnicos do Real Club Deportivo; unha exfutbolista do Dépor ABANCA, a gardameta Ana González; ou un exfutbolista profesional, Fernando Macedo da Silva, coñecido como 'Nano'.

Este coruñés de 39 anos formou parte dalgúns grandes clubs do fútbol español, como FC Barcelona, Atlético de Madrid, Deportivo Alavés ou CA Osasuna. Compartiu vestiario con mitos como Andrés Iniesta, Víctor Valdés ou Mikel Arteta; e disputou 70 partidos en Primeira e 155 en Segunda, por exemplo. Sabe o que é marcar goles, até 57 en total na súa carreira; aínda que tamén sabe o que é pelexar cada fin de semana por obxectivos máis humildes en vestiarios máis modestos, como os do CD Numancia ou o Racing de Ferrol.

Como xogador, o fútbol levouno lonxe de ABANCA-RIAZOR; pero agora, co pouso dos anos e das experiencias vividas, ademais de coa súa formación, imparte maxisterio cada día na sede de Abegondo do DéporCampus Cabreiroá 2021. Predica co exemplo e os seus dous fillos, un deles ademais xogador de #ANOSACANTEIRA, tamén participan no campus que ten como escenario a Cidade Deportiva.

A Nano, adestrador das categorías inferiores do Club, chámalle a atención "a gran disposición coa que veñen os nenos a aprender e o nivel dalgúns, que é moi bo".

Destaca tamén as instalacións de Abegondo, que permiten "adestrar tanto en campo natural como artificial".

Inscricións abertas para a próxima semana

As inscricións atópanse abertas até as 12:00 deste xoves 8 de xullo para as sedes da próxima semana, a partir do luns 12 de xullo, en Bertamiráns, Silleda, Monforte e Abegondo (terceira quenda).

Toda a información poden consultala nesta ligazón e para calquera pregunta ou dúbida acerca das actividades poden contactar directamente coa organización en deporcampus@rcdeportivo.es.