RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez asegura que "imos tentar gañar polo ben dunha competición ante a que sentímonos traizoados"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de Abegondo que para definir o encontro de mañá venres 7 de agosto en ABANCA-RIAZOR (20:00 horas, #Vamos) ante o CF Fuenlabrada, correspondente á 42ª xornada en LaLiga SmartBank e que se tiña que celebrar en horario unificado co resto de partidos con equipos implicados no descenso ou clasificación para o playoff de ascenso o pasado 20 de xullo, "utilicei a palabra opera bufa. Pero como está en desuso, a palabra paripé. É un paripé montado por alguén. Nós tomarémolo con seriedade, porque sabemos a responsabilidade que temos. Pero é un paripé, como dixo o meu capitán (Álex Bergantiños), que monta a Liga de Fútbol Profesional porque o 26 de xullo LaLiga dixo que a competición estaba acabada. A partir de aí decidimos que se LaLiga, tan seria, anuncia que ese partido foi suspendido, nós, que estabamos de días libres, collemos vacacións".

Pregúntase o técnico deportivista "polo respecto de LaLiga aos xogadores. Os meus futbolistas teñen que xogar un partido despois de 15 días sen facer nada. ¿Quen corre coas posibilidades de que un xogador sufra unha lesión importante? ¿Quen se fai cargo, LaLiga, o Deportivo? Xogar un partido cunha simple posta en movemento que fixemos hoxe é duro para os nosos xogadores. Pero aceptámolo. Temos xogadores suficientes para facelo".

Cre que "non é momento agora de crítica cara ao equipo. O comportamento dos xogadores do Deportivo é extraordinario. Para estar orgullosos, para que todos estean orgullosos dos seus xogadores porque tiveron que mobilizarse en tempo récord, estando cada un en sitios distantes ás veces. Mañá case podo contar con todo o equipo para enfrontar este partido. Paripé si, pero non para nós. É un paripé montado e ocasionado por unha decisión da Liga de Fútbol Profesional".

Insiste en que "ninguén pense que mañá ás 20:00 non vai gañar o partido. Que o Elche CF estea totalmente seguro, confiado que o Deportivo, dentro das súas limitacións, este adestrador e estes xogadores van tentar gañar o partido polo ben da competición, pola igualdade da competición. Ante unha competición pola que sentímonos traizoados. É a nosa responsabilidade, unha vez que fomos traizoados pola competición e pola propia Liga, manter a honra da competición. Alguén podería dubidar. ¿Por que imos ser leais a alguén que nos traizoou? Pois non, imos ser leais. Imos poñer o mellor equipo que podamos facer".

Á afección, Fernando Vázquez pídelle "que faga o que crea conveniente; pero coidadosos cos intereses propios, que son tamén os do Deportivo. Pídolles que o seu comportamento sexa impecable. Que ninguén poida dicir 'partido suspendido por razóns de seguridade'. Pido responsabilidade, gran comportamento e que apoien ao equipo como crean".