RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez asegura que o equipo necesita "confianza, unidade, apoio para que creza"

Fernando Vázquez asegurou na sala de prensa de Abegondo que "a crítica é necesaria pero non sei se son precipitadas (cara ao Deportivo). Non me quero meter niso. Estamos a empezar a liga, todo o mundo foi coñecedor de como foi a pretemporada. Ás veces teño a impresión de que temos que conseguir o obxectivo ao segundo partido. A min o que me preocupa é que a xente poida perder a esperanza, a confianza e a fe no equipo, nos xogadores".

O técnico deportivista explica que "un equipo, un futbolista desenvólvese mellor se saben que está apoiado e que a xente confía nel. Iso é moi importante. O ano pasado esa sensación de que a xente estaba detrás do equipo, estaba a animar ao equipo para conseguir o obxectivo foi clave para achegarnos a el e estar dentro do obxectivo. Ao final non o puidemos conseguir".

Sostén nesta liña que "o equipo vai ser aquilo que os afeccionados queren que sexa. Se ti crees no equipo, o equipo vai dar un nivel superior e vai ser un equipo máis competitivo e cun fútbol mellor. Se ti desconfías do equipo xa de inicio, ese feeling, esa sensación chega ao equipo e é posible que non poida alcanzar as cotas para as que eu creo que está preparado. É a famosa profecía autocumplida. Se ti crees que o equipo xa non dá, posiblemente non dea. Pero se crees que o equipo si vai dar, e ti apoias ao equipo, o equipo vai dar niveis superiores. Por tanto esa posición de inicio importante para a nosa afección é que o obxectivo se ten que conseguir cando se ten que conseguir. Non agora. O que hai que facer agora é que o equipo senta que son bos futbolistas e que van formar un bo equipo. E que (a afección) teña fe no equipo. Axudarían moitísimo ao adestrador, especialmente ao equipo, ao Club. Axudariámonos mutuamente. Esa unidade que me transmitían o ano pasado que non rompa de inicio porque o equipo non está a xogar como quizais todo o mundo tiña nas expectativas. Falta moito tempo e o equipo ten moitísimo desenvolvemento. Temos futbolistas que non están nun estado de forma excelente".

Insiste en que "non imos gañar polos nomes nin polo Club. Temos que evolucionar, xogar mellor, estar nun estado de forma superior. O equipo recibe críticas porque as expectativas eran incribles. Non sei onde imos chegar. Pero nestes momentos non é a realidade do equipo. A confianza no equipo debe manterse intacta, non romper esa unidade, non caer na tentación de pensar que todos os futbolistas son malos... Ás veces en momentos malos, en situacións complicadas o equipo necesita apoio. Necesita apoio, confianza porque iso lle dá seguridade ao equipo. Estamos todos xuntos. Cando tes apoio, aínda que poidas fallar, é importante. Imos pasar un ano súper complicado porque o Deportivo non pode empatar, non pode caer derrotado... É unha sensación que pode afectar o equipo. Por favor confiemos no equipo e confiemos en que vai conseguir o seu obxectivo porque para iso estamos aquí. Pero calquera persoa, ¿quen non tivo momentos malos? ¿quen non tivo un fracaso? E ao final conseguiu ese obxectivo. Nós imos conseguir o obxectivo, imos nesa dirección. ¿Pasaremos momentos malos? Por suposto. ¿Neses momentos todo será un desastre, caótico, destrutivo? Non. O deportivismo é unha sensación extraordinaria. É algo que fai ao equipo grandísimo polo apoio que ten. Pero que ese apoio sexa positivo en momentos malos".

En resumo, Fernando Vázquez pide "confianza, unidade, apoio para que o equipo creza con esa sensación de que todo o mundo confía nel".

Do encontro deste domingo 1 de novembro no Estadio Reina Sofía de Salamanca (16:00 horas, Footters) ante Unionistas de Salamanca CF, confesa que tenta concienciar aos xogadores branquiazuis de "tratar aos rivais de igual. Valoro a Unionistas como un rival que nos vai a poñer as cousas dificilisimas. É un equipo ben adestrado, ben preparado. En Segunda División B e en Terceira hai moi bos adestradores".

Ademais, subliña o hándicap para o Deportivo de que o partido se xogue nun campo de herba artificial: "Nestes campos o que ocorre é que as diferenzas técnicas e mesmo tácticas iguálanse moitísimo. Iguala aos rivais e conta con vantaxe aquel equipo que está máis adaptado. Non estou a buscar escusas. En Copa do Rei non está permitido que un equipo de Segunda xogue contra un equipo de Segunda B nun campo de herba artificial. En cambio en Segunda B permítese por razóns que entendo".