RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez confesa acabar o partido "impresionado" pola bancada e cre que "a mecha está prendida"

Fernando Vázquez quixo agradecer o comportamento da bancada de ABANCA-RIAZOR: "Cando empezamos o partido, pois... Pero cando acabamos, estaba impresionado. Agradecer á afección. Isto é a grandeza do fútbol. Unha afección entregada ao seu equipo, independentemente a como estea a xogar, por un obxectivo común, que é o que temos, que é deixar o equipo en Segunda División, a min paréceme fantástico. Que haxa 20.000 persoas hoxe aquí, un xoves ás 7 da tarde. A mecha está prendida. O domingo, como non é laborable, espero que ABANCA-RIAZOR estea máis cheo".

O técnico deportivista falou dos dous debutantes, Sabin Merino e Emre Çolak. Do dianteiro vasco apuntou que "está bastante ben aínda que acabou o partido algo tocado. E Çolak é un xogador doutro nivel. Non pertence a esta categoría. Temos a fortuna de poder gozar del, aínda que non vai ser o domingo, claro".

Lembra que "o equipo leva 3 vitorias seguidas en liga e isto ao equipo dálle seguridade, estabilidade. Non saen os xogadores con tanto medo a perder. Esta confianza é moi importante. Vas gañando e posiblemente as dificultades do seguinte partido sexan menores que se perdeses. Temos moito traballo que facer para poder igualar en ritmo competitivo por exemplo o día de hoxe ao Racing, que en ritmo me pareceu superior ao noso equipo. Aí temos que mellorar".

Insiste unha e outra vez en cada rolda de prensa que non mira a clasificación: "Vin aquí para gañar 11 partidos co Deportivo. Sei que me quedan 10, independentemente do que fagan os demais. Se gañamos 10 serían 51 puntos, e 51 puntos son suficientes. Así llo digo aos xogadores. É máis fácil para nós asumir a competición sabendo que estamos case igualados: Temos que gañar 10, pero podemos fallar 9. É máis asimilable para a cabeza dos xogadores".

Pola súa banda, Cristóbal Parralo, técnico do Real Racing Club, indica que "viñamos coa ilusión de poder gañar. Faltounos coidar un pouco os detalles. Avisaramos que o Dépor era perigoso nas accións a balón parado. E cando tiñamos o partido controlado, co marcador a favor, o gol do empate veu nun saque de esquina. Un equipo que quere saír de aí non se pode permitir o luxo de regalar".