RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez confesa na súa presentación que "sempre quixen volver ao Dépor e estaba convencido de que volvería"

Fernando Vázquez foi presentado esta mañá como novo adestrador do RC Deportivo.

En primeiro lugar posou para os medios gráficos no campo principal da Cidade Deportiva acompañado polo Presidente Juan Antonio Armenteros.

A continuación, xa na sala de prensa, o máximo dirixente branquiazul deu a benvida ao adestrador galego: "Era o que queriamos, ao que queriamos tanto o Consello como toda a afección. Xa está aquí. Chegamos a un acordo. A partir de agora levará a nave do Deportivo e a conseguir o que todos queremos, que é salvar ao Club do descenso".

Antes de ceder a palabra a Fernando Vázquez, Juan Antonio Armenteros subliñou que o Consello segue "traballando moi intensamente na negociación con ABANCA. Está moi cerquiña de ultimarse o que estamos a negociar para tratar de liquidar as cuestións económicas, e sobre todo subir o tope salarial para novas fichaxes".

E finalmente desvelou que "por problemas técnicos, concretamente unha tormenta en Turquía, Emre Çolak non puido voar. Chegará mañá ao mediodía. Está practicamente todo ultimado para que pase o recoñecemento médico e será a primeira fichaxe deste mercado de inverno".

Pola súa banda, Fernando Vázquez manifestou que para lograr ese propósito, "para que a situación sexa reversible está claro que temos que asumir nalgún momento desta temporada que o perigo está aí. A afección ten que dar un paso adiante para que nos poida axudar. Sempre digo que o máis importante dun Club é a súa afección, independentemente da categoría na que esteas. Se estás en Terceira División e tes 8.000 afeccionados es un gran Club. A categoría non é o importante. Quen fai un club importante é a cantidade de xente que é capaz de arrastrar a un estadio. Espero que a xente que non está a vir a ABANCA-RIAZOR que por favor, para que o Deportivo poida sobrevivir, gustaríame ver o estadio cheo. En momentos de máis necesidade é cando tes que demostrar realmente que estás co que queres".

Ademais, recalcou que non vén ao Deportivo "como o plan B, como rede de seguridade, ou coma se fose a xustificación para algo. Veño como adestrador. Os que había anteriormente son amigos meus. Todo o mundo sabemos a vida dun adestrador. Luis César foi xogador meu, somos amigos. Con Anquela teño unha relación marabillosa. Paréceme un tío incrible. Luis César exactamente igual. Son outro adestrador máis que nestes momentos tócame. Tampouco quero que me vexan coma se fose un mago que teño algunha cousa máxica para facer funcionar algo que até agora está a custar. Vou poñer toda a miña ilusión, todo o que sei, dar o que teño para tentar que o Deportivo quede en Segunda División".

Advirte que "hai que contemplar a posibilidade de que non sexa así. Ata que matematicamente sexa posible que esteamos en Segunda División, o máis razoable é que a xente veña agora máis que cando estamos en situación cómoda en Primeira División. Espero que a xente o senta desta maneira".

Afronta este novo reto na súa carreira "con todo o ánimo do mundo. Non penso que unha situación complicada de súpeto se vaia a dar a volta. Vin nunha situación parecida en Primeira División hai 7 anos. Estabamos a 7 puntos da salvación. Estou a falar doutro equipo, doutra circunstancia. Faltaban 3 partidos para acabar a liga e estabamos salvados. Ao final descendemos porque non fixemos ben os deberes nos últimos 3 partidos. É unha situación parecida, cambiando de categoría, de grupo de traballo e de equipo. Veño con esa ilusión. Non penso en negativo. Penso que si é posible. Fíxose poucas veces pero xa se fixo. Por tanto pódese. É co que veño eu, a traballar, a darlle intensidade ao traballo dos xogadores e tentalo".

Razoa ademais que non ten que ser máis difícil nesta ocasión porque "en Primeira División hai equipos contra os que parece imposible pelexar. Tócache un Real Madrid, Barça, Atlético de Madrid e parece complicado. En Segunda ti podes perder con calquera pero tamén lle podes gañar a calquera. Hai que aceptar que en Segunda División todo o mundo pode ascender, 14 equipos empezan para ascender. Imaxinádevos se despois non están en ascenso, o que pasa. Todo o mundo está malhumorado no mes de novembro. Hai que admitir a realidade. Que lle pase ao Deportivo dóenos, pero ¿que era posible? Certo. Isto é o que hai que aceptar. ¿Que facemos agora? Pelexamos ou o mandamos a tomar polo saco. É o que ten que pensar a xente. Estamos aquí por méritos propios. Se un equipo non ten rendemento os xogadores non teñen calidade. A calidade dos xogadores está directamente relacionada co rendemento do equipo. Non hai xogadores bos nun equipo que non rende. E non hai xogadores malos nun equipo que rende. É o que está a pasar. Todo o mundo pensa que temos malos xogadores porque non están a funcionar como equipo. Están influenciados en que se o equipo non é bo, vós sodes malos. Se este equipo gaña 6 partidos seguidos, é posible que a opinión da xente sexa de que son bos xogadores. Gañas, es bo".

Pediu tempo para coñecer exactamente ao seu cadro: "Agora vou ver como son persoalmente, intelectualmente, fisicamente, tecnicamente. Nunha semana podería ter datos fidedignos de como sinto eu que son os futbolistas. Agora non me vou a pronunciar. Teño un grupo que me escoita, que está entregado".

Confesou Fernando Vázquez que "quería volver ao Deportivo. Sempre o dixen. Quería volver e estaba convencido de que nalgún momento volvería. Non sabía cando. Ás veces toca unha situación complicada. Xa me gustaría vivir outro tipo de situación. Espero poder vivila co Dépor. Se nos conseguimos salvar e para o ano que vén facemos un equipo que nos salga mellor e podamos volver a Primeira División. Acepto a situación de que nos podamos ir a Segunda División B, co cal seguiría sendo o adestrador". "Teño a ilusión de salvar ao Deportivo pero sei que no transfondo existe esa posibilidade. Nesa posibilidade, seguiría sendo o adestrador do Deportivo en Segunda B. Espero que non ocorra, claro", explica.

Ademais, indica que o seu equipo de traballo estará formado por "Manuel Pombo. De principio hai problemas burocráticos pero quero incorporar a Manu Sotelo, adestrador de porteiros. Xa estivo aquí comigo. E teño un espazo como analista. E segundo adestrador prefiro esperar un pouco a tomar unha decisión con máis calma".