RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez cualifica o partido de mañá como "unha final da Copa do Mundo"

Fernando Vázquez subliñou esta mañá en rolda de prensa que "imos a Alcorcón mañá domingo (12:00 horas, Movistar LaLiga 1), rapaces, non importa o que fixésemos até agora. Non importa o que se fixo antes. Importa Alcorcón. Final. Non se como chamalo xa, porque xogamos tantas que non sei que final é esta. Final da Copa do Mundo. Algo así".

Por conseguinte, asegura que a maneira de encarar o partido "é a mesma" que desde a súa chegada ao Dépor, "ata que consigamos gañar eses partidos que necesitamos para conseguir a salvación. Quería pedir perdón porque o outro día dixen un argumento falso. Dixen que podiamos fallar 12 veces. Non é verdade. Podemos fallar 9. Agora temos que gañar unicamente 6 ou 7 e podemos fallar 9 veces. Non 12. Xa me gustaría".

Iso si, vaticina que cambiará a forma de xogar: "¿En que momento? Decisión do adestrador. Non o sei. Nalgún momento por momentos xa cambiei algunha cousa. Podería ser mañá. Nalgún momento vai pasar, pero en canto estea seguro".

O técnico deportivista, preguntado polos últimos envorcos que sufriu o equipo branquiazul en Santo Domingo, admite que "hai campos que ás veces resultan máis complicados por razóns que aínda un non sabe explicar. É un campo normal, grande. O campo non me preocupa realmente. Quen che fai o partido complicado e difícil é o rival, que non entendes por que razón de cando en vez faiche sufrir".

Ao adestrador branquiazul gústalle o AD Alcorcón, "paréceme que ten un adestrador intelixente, un bo adestrador". "Se miras os números, ten máis problemas en casa que fóra. Tampouco é tan normal nunha Segunda División tan igualada. Se en casa tivese unha senda un pouco favorable estaría disparado. É un equipo súper perigoso", engade.

Finalmente, explica Fernando Vázquez o rol dos diferentes dianteiros cos que conta agora mesmo no cadro: "Tanto Sabin (Merino), como Claudio (Beauvue), como Koné son xogadores que corren ao espazo perfectamente. Non teñen necesidade de recibir a pelota nos pés. No caso de Christian ten máis dificultades, quizais sexa un dianteiro para recibir de cara e devolver, chegar á área e rematar. Os outros son capaces de moverse en todas as frontes de ataque sen ningún problema. E no fútbol que xogaron así o demostraron. Sabin foi banda no Athletic, xogou por fóra. Claudio tamén xogou por fóra. Pero eu considero que son puntas. ¿Onde os queres poñer? ¿Dentro? Okey ¿Polos por fóra? Pois okey. Teñen esa capacidade. E son xogadores preparados para correr o contraataque".

É máis, advirte que ten en mente "un sistema de risco, situación de partido negativa, marcador negativo. Falta media hora e tes que remontar".