RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez desexa en #conversasEstrella un "Dépor consolidado en Primeira, con opcións de Europa e baseado na canteira"

Fernando Vázquez e Moncho Fernández, técnico do Monbús Obradoiro, protagonizaron desde os seus respectivos domicilios a primeira das #ConversasEstrella con Estrella Galicia, moderada polo xornalista Raúl Villares.

Charlaron de deporte e da vida, da difícil situación que atravesa o mundo. Ambos reflexionan desde o punto de vista do seu papel, conscientes de que nestes momentos "somos adestradores e somos prescindibles".

O técnico deportivista apunta que o confinamento "vai desgastando. Pero a esperanza de volver, de seguir adestrando mantente en órbita".

Cre que "todo o mundo quere volver. Hai intereses compartidos, Liga, Federación. A nivel xeral sería interesante que houbese fútbol na tele todos os días. Sería un primeiro aviso, e aínda que fóra sen público nas bancadas, para os gobernos, un punto de ilusión. Volver imos volver; e a adestrar creo que volveremos pronto".

Cualifica a situación actual no mundo como "grave, patética, tremenda nalgunhas situacións como o que está a pasar cos nosos maiores. Impáctame ver coma se tivésemos aos nosos maiores apartados, e que os deixaramos correndo unha sorte que non se merecían. É o máis duro que estou a vivir".

Do mesmo xeito que Moncho Fernández, mestre de profesión, Fernando Vázquez quere resaltar que "o profesor pasa desapercibido, aínda nesta situación actual. É unha profesión que ás veces foi vilipendiada, como xente que non traballa, que ten tres meses de vacacións... Resáltase loxicamente agora aos médicos, enfermeiros pero os profesores están a traballar dunha forma incrible".

Á hora de debater sobre o aprobado xeral, por exemplo, cre que é un debate "baldío. Que significa un ano na vida dun mozo?"

Segundo o adestrador branquiazul, nestes tempos "dependemos de xente que no día a día case nin vemos. Se enumeramos a xente que necesitamos para vivir, para que a sociedade siga avanzando, entre eles están os profesores".

É máis, conta que ao baixar o lixo agora "doume conta da xente que a recolle. Se non fixesen iso, que pasaría nas casas? Daste conta que isto pasa cando estás así. En tres meses igual todo o que estamos a dicir agora xa o pasamos".

Pregúntase así mesmo se "este estado de consciencia no que estamos servirá para apuntar accións determinadas" de cara ao futuro.

Traballo diario en confinamento
Indica que nestes tempos en casa, sen o adestramento diario e a competición, "procuro facer algún exercicio. Teño o rodete en casa. E fútbol, fútbol, fútbol. Cando me levanto leo un pouco a prensa. E dedícome a actualizarme, estar pendente dos meus xogadores, que o que os leva neste apartado é o preparador físico. Sei que están a traballar de forma extraordinaria. Non sabemos cando volvamos porque é unha experiencia única. Non hai antecedentes. Que unha liga se pare, non sendo vacacións, porque non estamos de vacacións... Esa tensión de confinamento vaise a notar. A que nivel pódelos adestrar? Tes medo a lesionalos? Nunha pretemporada o xogador vén lixeiro pero agora está a adestrar estresándose. Ese punto non aparece nas pretemporadas. Por tanto vai ser unha situación difícil porque non hai nada escrito sobre iso".

Resalta o elemento diferenciador que é "a tensión dos xogadores ao reiniciar. Para min é a incógnita. E logo, futbolísticamente, xogar cada dous días como se expón é imposible".

Vaticina que antes de empezar os adestramentos "pasaremos uns tests definitivos nos que se demostraría se estiveches ou non contaminado, pero estás libre de coronavirus. A partir de aí no fútbol exporíase que neses 15 días que empecemos a adestrar esteamos todos xuntos, que os rapaces estean de concentración. Se todos os clubs fan o mesmo, e hai coidado, unha vez que estás a xogar non habería problemas de contaxio".

Forma de traballar
Fernando Vázquez confesa que é un fanático da orde no seu traballo: "Gústame saber o que vou facer a continuación. Gústame a planificación. Fóra do traballo compórtome de maneira diferente. Déixome arrastrar, levar. Pero son cuadriculado no mundo do adestramento. Logo na miña vida non son planificador".

Identificación co proxecto
Considera antes de nada que "ser profeta na túa terra é moi difícil. Se Moncho tivese outra nacionalidade, se fose doutro país, tería unha estatua. É recoñecido pero até certo punto".

Como adestrador, subliña Fernando Vázquez que "fago o mesmo en todos os equipos. Non fago nada especial. Ese carisma concédecho a afección. É un agasallo. Pero eu como adestrador son igual en Coruña, en Vigo, en Oviedo, en Mallorca. En todos os lados sempre me considerei entrandor de club, leal, honesto, traballador, metódico. A partir de aí o que che vén dado depende da cidade, da contorna, da afección, que che quere máis ou menos".

Admite non obstante que no caso do Dépor "fixen algo especial porque consideraba que se necesitaba para sobrevivir. Na Coruña, por razóns que se poderían analizar, a afección concédeme unha aura especial, pero non a teño eu, é un agasallo".

Sobrevivir o adestrador aos resultados
Fernando Vázquez apunta que "é un debate moi vello. O resultado mata o adestrador, mantén un ciclo de adestradores. Considero que os resultados son tan importantes porque os clubs non analizan, non estudan, non fai scouting a adestradores. Entón é un círculo vicioso. Estás nun sitio determinado e suponse que tes un nivel de competencia adecuado. Pero a competencia que ti tes están a adquirila miles e miles de adestradores. O resultado é a gran trampa da avaliación dos adestradores. Falo de fútbol e non de baloncesto, que é un mundo diferente. No fútbol a ignorancia sobre este tema é incrible. Unha vez que estás no círculo, eu tamén saio beneficiado. Hai grandísimos adestradores".

Lembra que "cando eu empecei era moi difícil ser adestrador se non fuches xogador profesional. Eu non o fun, pero xoguei ao fútbol. O que é importante é xogar ao fútbol, non ser xogador profesional. Quería ler, que lías? Quería mirar... Internet non existía. Bibliografía en fútbol apenas existía. Lía de baloncesto, de balonmán, de rugby. De fútbol non había case nada. Só había preparación fisíca. Hoxe en día un rapaz aos 25 anos pode ser impresionante a nivel de preparación teórica, non práctica. Hoxe podes ver adestrar aos mellores adestradores do mundo. Tes os partidos todos os días, podes estudalos. Antes había un partido o sábado, e non era o mellor partido. Ás veces gravábalos. Se os resultados non influísen e os equipos de fútbol fixesen scouting de adestradores..."

Pregúntase así mesmo porqué "se ti tes un adestrador bo, falo depender dos resultados. Haberá outras variables que tes que modificar. Mellor iríalle as cousas ao fútbol profesional. Pero un resultado xustifica non só o traballo dun adestrador. Ás veces un adestrador é utilizado como moeda de cambio para xustificar o inxustificable".

Iso si, cando os resultados dun equipo de fútbol non acompañan, un presidente, dun club de fútbol, o cal lembra que está sometido a presións, "analiza o problema e ve que o problema non é o adestrador. E a quen se carga é ao adestrador. Un presidente ou un directivo sabe que o problema non é do adestrador, porque sabe que ten un bo adestrador. Con todo a cabeza que se pide é a do adestrador. Esa é a situación anómalo que eu ás veces vexo. Se un presidente ou unha directiva está seguro de que ten un gran técnico, ¿por qué ten que saltar o técnico?".

E pon como exemplo a Ernesto Valverde no FC Barcelona desta temporada: "Cal é a razón deportiva para que deixe de ser adestrador do Barça este ano? Que a xente se faga esta pregunta. Vai líder na liga. Clasificado en Champions, para a Copa do Rei. Cal é o problema?"

E pola outra parte pon como exemplo a Moncho Fernández: "Tes un presidente que confía en ti a pesar de todos os avatares. Valora a túa competencia e outras calidades que tes para ter a confianza dun club (Monbús Obradoiro). Iso ao final ten un valor competitivo e de rendemento que ás veces é incuestionable".

Captadores de talento
Fernando Vázquez subliña que o adestrador ten o labor "no mundo do fútbol de facer un gran equipo; pero tamén facer a cada xogador mellor. Eu dígolles aos meus xogadores que 'cando vos deixe, cada un de vós ides ser mellores. O rendemento colectivo é unha cousa pero vouvos a mellorar a nivel individual'. É un traballo que o adestrador ten que asumir. Non só o rendemento colectivo".

Ademais, o adestrador deportivista di que "cando chegas a un club de fútbol tes dous niveis, o profesional. Se che satisfai o equipo que tes, se estás contento con este equipo e non tes inquietudes cara á canteira, estás aí e traballas cos que tes. Eu sempre tiven a inquietude de mirar cara abaixo. Considero que un adestrador redondea todo o armazón dun equipo de fútbol. As seccións inferiores dun club profesional non terían sentido se o primeiro adestrador non lle dá sentido. As canteiras desaparecerían se non houbese adestradores que puxesen a canteiráns. Fálase máis da canteira do RC Celta que a do RC Deportivo. Coma se o Deportivo non tivese canteira. E o Celta si porque hai xogadores que están a subir e ultimamente do Dépor soben poucos xogadores. Esa é o labor dun primeiro adestrador e fágoo con total normalidade, con total tranquilidade. O único que fai falta para que un xogador triunfe, evidentemente ten que ter talento, e eu doulle confianza, comunicación, amizade, saber en que momento o téño que pór, cando o teño que sacar. E que o xogador che demostre que é mellor que o que tes. Como o consigo? Súboo a adestrar comigo antes. Non é que o mire eu, tamén os profesionais vanche dicindo 'que bo é este rapaz'. Eles xa confían no rapaz e o rapaz cando entra, sae co placet de todo o equipo. O adestrador non está a facer unha bobada. Está a pór a un rapaz que en cada adestramento está a demostrar que é tan bo como o resto".

Traballo do adestrador
O técnico branquiazul expón o seu razoamento sobre o traballo do adestrador: "Sempre digo, 'son Fernando Vázquez de Castrofeito. El é Moncho (Fernández) da Pontepedriña. Non fomos xogadores profesionais'. Se contase a miña historia sería de estudar, ver, mirar, traballar pola mañá, ir adestrar pola tarde. Facer quilómetros. O traballo é a clave, a metodoloxía, a continuidade, seguir mirando, seguir aprendendo. Iso sempre. Que me deu a Universidade? Quizais a posibilidade de aprender sempre, continuamente. A aprendizaxe non acaba cando acaba o teu momento de estudo. Moita xente pensa que como teño 65 anos, es vello, estás caduco. Estás aquí porque detrás hai unha traxectoria importante de esforzo e de sacrificio".

Confesa que antes "escribía un diario de todos os meus adestramentos. E teño gardado axendas de cando empezaba en Lalín no ano 83, 84. Se miro que tipo de adestrador son agora con respecto a aquela época, hai un mundo. Non me parezo en nada. Non só cambias ti, cambia todo. Cambian os métodos de adestramento, a teoría, a forma de ver as cousas, todo".

Rivalidade deportiva entre o norte e o sur
Recalca Fernando Vázquez que "a rivalidade non é odio. Non significa desexar o mal ao contrario antes que o teu ben. O Celta e o Dépor necesítanse para ser mellores. Sería marabilloso que os dous estivesen na máxima categoría. Os dous serían mellores. En Sevilla, o Betis - Sevilla. Eu estaba no Betis e dábame conta que o meu presidente, Lopera, prefería ás veces perder se perdía o Sevilla. Prefería o dano do seu equipo a condición de que o equipo contrario tamén fose danado. Un derbi é un partido entre equipos da mesma cidade orixinariamente e as afeccións viaxaban ao campo do rival. Pódese considerar derbi un partido no que de Vigo veñen á Coruña 600 ou 400? ou da Coruña a Vigo van 300? Por qué non van máis? Iso habería que tentar entendelo. Poderiamos tentar facer un gran derbi, un derbi modelo, que fose o mellor derbi de España, mellor que un Athletic Club - Real Sociedad. Ás veces dáme envexa vendo dúas afeccións mesturadas, unidas. Por qué nós non? Nesta explicación hai moitísimas razóns. Historicamente tamén estivo o tema político: alcalde contra alcalde; presidente contra presidente. Cando esteamos os dous equipos en Primeira División, oxalá que pronto, fagamos un gran derbi. E que as familias de Vigo poidan vir á Coruña sen ter medo, que poidan pasear polas rúas da Coruña sen problema. E que os coruñeses e os afeccionados do Deportivo puidesen pasear polas de Vigo. Iso sería a normalidade. Sería unha gran rivalidade ben entendida".

Figura do psicólogo deportivo a nivel individual e grupal
Fernando Vázquez opina que "é moi importante. Vai lentamente. Noutros países vai máis rápido que aquí pero en España vaise impondo. No mundo do fútbol habería unha prehistoria con preparación física, a segunda fase sería a preparación técnica, a terceira a preparación táctica e entraremos na cuarta fase que sería o aspecto mental do xogador. Está menos estudado. E lanzará aos futbolistas a outro nivel".

Conta o adestrador deportivista que "cando falo de fútbol nas roldas de prensa tento explicalo desde o punto de vista técnico-táctico. E ás veces utilizo argumentos psicolóxicos. Pero certos adestradores, se lles facías esta pregunta, parecíalles unha barbaridade. Non soportarían ter a un psicólogo no seu equipo, nin nada disto. E as roldas de prensa de adestradores de fútbol fálase de 'que lle pasou ao equipo? Pois igual estivemos algo faltos de confianza, faltos de intensidade, temor, medo...' Unha persoa que podía estar a dicir que non admite a psicoloxía e con todo á hora de explicar un partido de fútbol, recórrese con certa frecuencia á psicoloxía. É contraditorio pero é o que pasou no mundo do fútbol".

Aposta pola mocidade ou a experiencia nun cadro
Ten claro que "un adestrador contratado por un equipo profesional de fútbol contrátano para gañar, para sacar vitorias. Por qué dedícase ese adestrador a apostar por xente que non forma parte do seu equipo profesional? Eu son un adestrador que considero que o fútbol é canteira, e o baloncesto é canteira. Os xogadores de mañá teñen hoxe 15 ou 16 anos. Todos están na canteira. A canteira é importantísima. É clave. Non habería fútbol sen canteira. Para que un equipo póidase considerar de canteiráns, é un compromiso xeral, non pode ser dun adestrador. Iso é política xeral de Club que incluiría tamén aos afeccionados, que estarían dispostos a que ter canteira supón renunciar a outras cousas. Un equipo de canteira é o Athletic Club. Estivo en descenso, pasou momentos graves, e houbo unha votación dicíndolle aos afeccionados se querían fichar a xogadores para salvar a situación. E os afeccionados dixeron que non. Iso é un club implicado. Son canteirán, encántame sacar rapaces, pero está claro que cando o saco é unicamente porque ese canteirán demostra un rendemento superior a un profesional. Se estivese dirixido, que me fiche para sacar canteiráns, iso sería marabilloso. Tes que sacar resultados coa canteira. Ese é o Athletic Club. O adestrador vai aí e sabe ao que vai".

Característica do baloncesto aplicado ao fútbol
Do baloncesto, a Fernando Vázquez gustaríalle "ter a influencia que ten un adestrador de baloncesto. Iso de poder parar o partido... Sei que é complicado. Ter un pouco esa capacidade de influencia que ten un adestrador de baloncesto no seu equipo. Encántame xogar a reloxo parado. Sería un gran favor que lle fariamos aos árbitros, aos afeccionados, a todo o mundo. No fútbol xóganse en cada partido 65 minutos, 64, 67 de xogo real. Podemos facer 35 ou así a reloxo parado. O público miraría o reloxo e non habería problema se desconto, se non desconto. O árbitro deixaría de ter un problema por este tipo de situación".

Ademais, tamén lle gustaría ao técnico do Dépor que "por exemplo, nun Mundial o adestrador ten sentado no seu banco a todos os seus xogadores. Xoga Brasil contra España. Obradoiro contra Real Madrid ten a Obra a todo o seu banco. Xoga Deportivo contra Real Madrid. Realmente non se enfronta o Deportivo ao Real Madrid. Realmente é unha parte do Deportivo, que é a metade, contra a metade do Real Madrid. Cando fago unha convocatoria fáltanme xogadores. E se me pasa isto? e se me pasa o outro? Teño que facer 3 cambios. Imaxínate que puidese cambiar os xogadores que quixese. Iso non sería tácticamente moi rico para un adestrador? Levar os 22 xogadores de campo porque teño que levar a 16 de campo".

Finalmente, explica que "en baloncesto cando un balón non pica fóra do campo e o xogador non pica na liña non é fóra. Se ves fútbol, nun saque de esquina, un xogador ten a habilidade marabillosa de tiralo por encima da bancada e volver ao campo. Por qué ten que ser iso negativo? Por qué é fóra? Ou un centro. Ou un saque de banda, que un xogador non pica fóra e é capaz de sacalo antes de saír. Sería máis simple o fútbol".

Xogador de baloncesto favorito
Confésase "seguidor do baloncesto español, sobre todo antes. Por qué gustábame máis que o americano? A min a NBA non me atraía en exceso. Vou dicir un galego, Aldrey. Tamén un que leva o meu apelido é moi importante. Pero creo que é lucense. Fran Vázquez, de Chantada".

Adestrador histórico ou actual para adestrar
Queda con "o Manchester United, por exemplo", aínda que consideraría "marabilloso adestrar a unha universidade norteamericana".

Partido vivido en ABANCA-RIAZOR
Lembra especialmente "o partido do ascenso porque foi a culminación dunha temporada dura, difícil, complicada pero foi unha temporada extraordinaria. E signficou volver a Primeira División".

O Dépor dentro de 5 anos
Desexa Fernando Vázquez "un Dépor súper consolidado en Primeira División outra vez, con aspiracións europeos e cuns pés baseados nun traballo de canteira que dese solucións aos problemas do equipo profesional. Un equipo baseado na realiddad, na Coruña, en Galicia, sen detrimento deportivo e que estivese facilmente en Primeira e optar en volvera a Europa. Pero baseado fundamentalmente nunha selección de rapaces da canteira".

Brinde con Estrela Galicia
O adestrador deportivista brindaría "pola amizade. A saúde é moi importante tamén. Se queres ser feliz, hai unha parte que é ter amigos. É o importante".