RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Hai que levantarse, mirar cara a adiante e tentar gañar ao Fuenlabrada. Non hai outra solución"

Fernando Vázquez recoñeceu na sala de prensa de Anduva que "a ninguén lle gusta verse así e xogarse todo na última xornada sen depender de ti. Pero temos unha cousa moi clara, temos que gañar o partido e esperar. É o que nos queda. Temos que ir buscar ao Fuenlabrada e tentar gañar o partido. É a mensaxe que hai que dar e que estou a dar".

O técnico deportivista confesa que o equipo "está decepcionado, triste, amolado" pola derrota ante o CD Mirandés. Subliña que a situación "pesa sobre as cabezas dos xogadores, evidentemente. Perdemos hoxe unha gran oportunidade. Non soubemos empatar o partido ou gañalo. Agora temos que mirar para adiante e ver o obxectivo que nos queda, que é gañar ao Fuenlabrada dentro de dous ou tres días. Hai que levantarse, mirar cara a adiante e tentar gañar ao Fuenlabrada. Todo está claro xa. Non hai outra solución que esta, gañar e esperar ao que pase noutros partidos", conclúe.

Explica que a formulación inicial do partido en Miranda de Ebro foi "a esperar e contraatacar. Fracasamos na primeira parte. Toda a responsabilidade é do adestrador. Na segunda parte xa fixen catro cambios e o equipo reaccionou positivamente. Por mala fortuna non conseguimos empatar o partido e gañalo".

Insiste en que após o descanso "creamos bastantes situacións de gol. Xogamos moitísimo tempo na súa área. Non quero dicir que fósemos exquisitos pero na categoría que estamos fixemos un segundo tempo bastante destacable; tendo en conta ao equipo que tiñamos enfronte".

Pola súa banda, Andoni Iraola, técnico do CD Mirandés, manifestou que "o equipo saíu moi ben. Xogamos unha primeira parte moi, moi boa. Atopámonos cómodos con balón, tivemos bastantes chegadas. A segunda parte foi máis aberta. Eles tiñan que arriscar, nós tivemos contraataques para finiquitarlo e non o fixemos. Ímonos con 3 puntos que nos pon en mellor situación na táboa".