RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Hai que manter a calma, a tranquilidade e gañar 5 partidos dos que quedan"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa de Abegondo que o Deportivo, mañá sábado 20 de xuño en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, Movistar LaLiga) ante o Rayo Vallecano, necesita "controlar o partido. Qué é controlar o partido? Pois que o rival non che faga dano e que ti sexas capaz de facerlle dano".

De feito, subliña que o conxunto vallecano é un rival "perigoso porque ofensivamente está ben construído. Pero non hai equipo que non teña ningún defecto. E supoño que o Rayo tamén o terá".

Avisa que o Rayo vén a ABANCA-RIAZOR "lanzado. Leva medio partido máis que nós. As cousas están a saírlle perfectamente e o seu estado de ánimo é de ascenso. Vén nunha liña ascendente. Está en bo estado e ímolo a ter complicado e difícil".

Sobre o estado físico do cadro branquiazul neste maratón de partidos, explica que está "a repartir minutos con bastante equidade. En dous partidos repetiu Gaku; repetiron os centrais, cuxo esforzo é menor. A Gaku xa lle dei descanso o outro día. Iso téñoo na cabeza. Paréceme unha parte importante xestionar esta situación nun calendario tan comprimido".

Confesa non estar "angustiado" pola clasificación pero si admite sentir "o peso da responsabilidade histórica que está sobre o equipo. Ir a Segunda División B sería un pau moi duro. Pero creo que estamos a facer as cousas con certa tranquilidade e bastante ben".

Lembra que agora o Dépor "está a competir con moitísimos equipos ao noso ao redor. Hai que manter a calma, tranquilidade e gañar 5 partidos dos que quedan".

Mostra a súa confianza no seu vestiario: "Temos un cadro amplo. Non vou dicir que é a mellor de Segunda División porque sería vanidoso pola miña banda. E creo que non é certo. Temos que gañar 5 partidos si ou si e é ao que nos temos que dedicar. Deixarnos de valoracións. O importante é gañar partidos".

A nivel persoal, asegura estar "forte. Recoñezo sentirme raro nos partidos. Pero estou confiado, seguro, convencido de que isto sairá para adiante".