RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez lembra que "se gañamos 8 de 17, o equipo seguirá en Segunda. Ese é o obxectivo"

Fernando Vázquez manifestou na sala de prensa do Estadio Carlos Belmonte que "ninguén dixo que ía ser fácil. Viñamos gañar a Albacete e gañamos. Agora podemos analizar como gañamos. Estamos contentos pola vitoria e ímola a celebrar".

Admite o técnico deportivista que "na segunda parte equivocámonos un pouco. Fómonos demasiado atrás, pero hai que recoñecer que non é fácil parar o xogo do Albacete. Entrounos un pouco de medo a empatar ou que nos remontasen".

Iso si, non cre que o Dépor gañase o encontro por sorte: "O Albacete fallou un penalti pero nós fallamos 2 ou 3 ocasións moi boas. O que pasa que o balón si o tivo o Albacete no segundo tempo. Apertounos e meteunos na área pequena".

Insiste após esta vitoria que "sabemos o que temos que facer, que é gañar 8 partidos. Podemos fallar 9. Se gañamos 8 de 17, o equipo seguirá en Segunda División. Ese é o noso obxectivo".

Preguntado pola valoración dos debutantes, Uche e Claudio Beauvue, Fernando Vázquez explica que "é difícil adestrando saber o estado de forma de Uche. Este partido valeunos para ver dunha maneira máis exacta en que situación está. E ademais mostrounos que o estado de forma de Claudio é bastante bo".

Así mesmo, opina que o primeiro tempo de Mollejo "foi o mellor, xogando nunha posición case de falso lateral esquerdo. Estivo extraordinario. Non me parece unha posición que non vaia coas súas cualidades. É un bo defensor, non é fácil de levar. Estou moi contento coa súa actuación. Vinme obrigado ao cambio porque tiña un cartón amarelo e non quería asumir riscos".

Finalmente, da actuación de Dani Giménez, providencial na acción do penalti e nun par de intervencións salvadoras, apunta o adestrador branquiazul que "para iso están os porteiros, para axudarche a gañar. Hoxe outra vez gañounos o partido coa parada do penalti".