RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez leva aos seus xogadores dispoñibles a Guijuelo, salvo Diego Rolan

Fernando Vázquez convocou aos futbolistas dispoñibles, un total de 18, para o partido de mañá domingo 22 de novembro no Estadio Municipal de Guijuelo (17:00 horas, Footters), incluídos Bóveda e Salva Ruiz, de alta desde o pasado mércores. Só falta Diego Rolan, ao que o adestrador branquiazul considera "precipitado" a súa citación para este encontro, "nun terreo de xogo (de céspede sintético) que é máis propenso un futbolista a lesionarse", tal e como afirmou onte en rolda de prensa.

Quedan tamén na Coruña os 'tocados' Derik, Valín e Adri Castro, todos eles con adestramento específico e no caso deste último, no seu domicilio.

O técnico deportivista admitiu que "o parón a nós púidonos vir ben porque tiñamos algunha xente lesionada e imos chegar ao partido unicamente coas baixas de Derik e Valín, xogadores do primeiro equipo. Recuperamos a Borja Granero, Eneko e Salva Ruiz. Neste sentido para nós foi positivo".

Non entende iso si Fernando Vázquez estes paróns na competición porque "poderiamos seguir competindo como outros grupos, que teñen un equipo máis, por iso xogan. Eu preferiría xogar todo seguido e descansar antes da última fase, dos oitavos de final. Pero as cousas están así e así hai que aceptalas", conclúe.

No adestramento desta mañá, tralo pertinente quecemento e rondos, o corpo técnico dispuxo un partido a metade de campo 2; e, para concluír, fútbol en espazo reducido co cadro dividido en tres equipos.

O Dépor desprázase esta tarde por estrada a Salamanca, onde montará o cuartel xeral antes do encontro en Guijuelo.

Tralo partido fronte ao CD Guijuelo, o cadro branquiazul adestrarase o luns ás 11:00 en Abegondo.