RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Penso na salvación, se antes cría, agora estou plenamente convencido"

Fernando Vázquez compareceu este mediodía na sala de prensa de Abegondo a 48 horas do reinicio de LaLiga ante o Sporting de Gijón, este domingo 14 de xuño en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, GOL).

O técnico deportivista asegurou que "estamos preparados para todo" nestes 11 partidos. "Seguimos adestrando cunha liña de cinco, e tamén preparados a unha liña de catro e organizar o equipo de forma diferente. Imos ter tempo de velo porque imos xogar 4 partidos en 10 días e as rotacións formarán parte da dinámica. Só esperar que acertemos", engade.

Sobre a lesión de Aketxe, indica que "o Club fixo un gran traballo na xanela de inverno. Chegaron xogadores que poderían suplilo perfectamente aínda que me poderían obrigar a xogar de forma diferente. Teño substitución suficiente nesta situación. Estaba a xogar con Çolak e Aketxe antes da pandemia. Agora non está Aketxe. Resolvereino da mellor forma posible. O que debe de quedar claro é que teño recambios suficientes e bos para suplir a lamentable falta de Aketxe".

Lembra que "isto non é unha competición nova, senón que temos que pensar tamén de onde viñamos. Estamos igualados e temos posibilidades de todo tipo. Ímonos a expor 11 partidos que temos que gañar. Imos xogar 11 finais seguidas rapidamente, nun mes. Penso que a salvación, se antes críao, agora estou plenamente convencido de que será".

Opina que no caso de que non puidese finalizar a competición, "non pasará nada, a liga será nula. Como mínimo na fase de descensos. Ten que ser así. Non vexo a lóxica doutra maneira. Eu creo que si se vai a acabar a liga pero no caso de que non se acabase, penso que isto é o que vai ocorrer".

Preguntado pola posibilidade de poder realizar 5 substitucións nos partidos, Fernando Vázquez está "a favor dos cambios. Non só agora. Tamén o estaba antes. Creo que é unha evolución imparable. Un equipo xoga un partido de competición contra outro equipo. Todo o equipo, non a metade do equipo. Entón o adestrador terá á súa disposición todo o cadro, como pasa nun Mundial. Se xoga o Deportivo contra o Real Madrid, xoga o cadro do Deportivo contra a do Real Madrid. Agora cambiar así no medio da competición, a alguén lle pode estrañar pero hai circunstancias extraordinarias que o piden".

Nestes días de traballo en Abegondo, destaca que "moitos xogadores que estaban en déficit melloraron e están bastante mellor". Subliña sobre todo a "os canteiráns que subín para arriba: Valín, Gandoy, Juan Rodríguez. Estou encantado. É posible que vise cousas que non vira".

Advirte que "entramos nun terreo descoñecido. Son retos con esixencias físicas e psicolóxicas para todo o mundo. Non son capaz de saber o que vai pasar. Pero o normal son as lesións, especialmente no noso caso. Xogar partidos de competición, xogando o que nos xogamos, paréceme... Cústame entender porqué. É unha situación que aquí si que se vulnera a competición. Teño os mesmos intereses que o Real Oviedo e non hai cor do descanso que ten o Real Oviedo e o que temos nós. Nos primeiros 10 días 4 partidos, que é fundamental. Empezar de súpeto xogando cada 3 días, e ás veces non se cumpren as 72 horas, é un detalle importante. Somos o equipo cunha media de descanso menor en Segunda División. E aquí todos nos xogamos o mesmo. E a min iso si que me parece moi grave. Porqué hai que ir tan rápido? Nós imos ter problemas".

Do confinamento queda con "o comportamento da xente. Aceptamos a situación con certa calma, tranquilidade. Fomos exemplares salvo raras excepcións. O que máis me doe é a desgraza das familias. Podo mandar un abrazo moi cariñoso a todos os deportivistas que sufriron algunha baixa na súa familia. Doloroso pareceume a situación dos anciáns nas residencias".