RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez, "preocupado pola saúde dos xogadores" debido á posible alta temperatura en La Rosaleda

Fernando Vázquez alerta sobre un 'inimigo' invisible que terá tamén mañá o Deportivo no campo de La Rosaleda de Málaga: a forte calor prevista para unha cidade andaluza ás 19:30 de calquera mes de xullo, por riba dos 30 graos. "Preocúpame a saúde dos xogadores. LaLiga ou a Federación atrasaron uns cuantos partidos. Con todo, sorprendentemente, en Málaga non temos ese atraso dunha hora. Non é igual xogar ás 19:30 que ás 20:30 especialmente sobre o segundo tempo. Supoño que terá que ver coa televisión. Pero non poden estar os intereses televisivos por riba da saúde dos xogadores. Eu síntome un pouco discriminado. Eu e o meu equipo. Estou preocupado porque imos xogar cunha temperatura de 30 graos todo o partido. É o que hai. Temos que aceptalo. Non me parece que se estea pensando en exceso nos futbolistas", explica na rolda de prensa previa ao encontro.

O técnico deportivista cualifica estes 11 partidos despois do confinamento como "unha tensión incrible para todos. Non podes gozar nin das vitorias porque xogamos onte e marchamos mañá. Non se nos está facendo curta, a pesar de que vaiamos ben, que sumamos moitos puntos e que se houbese máis partidos igual conseguiriamos outros obxectivos. Pero niso non estamos a pensar".

De números prefire non falar aínda que admite que se o Deportivo saca os 3 puntos mañá "certifica virtualmente a salvación aínda que matematicamente non. Cando cheguei ao Dépor dixen que había que gañar 12 partidos, que eran 36 puntos porque o Deportivo tiña 15. A suma serían 51 puntos. A cifra parecíame suficiente pero estatisticamente. Pero igual non chegan. Deixemos de facer números e miremos Málaga. Nada máis. Outra final e así o temos que asumir. Temos marxe para fallar, que nos pode dar certa tranquilidade, pero o noso obxectivo é conseguir os puntos canto antes".

A través dos medios de comunicación, quixo trasladar a seguinte reflexión sobre a calidade dos xogadores branquiazuis: "Teñen un valor real en calquera circunstancia. Ás veces, cando o equipo non funciona, cando o equipo non gaña partidos, a crítica, tamén a da Coruña, conclúe que os xogadores son malos. Entón ás veces temos que facer autocrítica. Se hai 3 meses estabamos a dicir que os xogadores son malos, ¿como agora se pode chegar á conclusión de que son bos? Hai certa análise que fallaba porque se igualaba xogadores e equipo. Mal equipo, malos xogadores. Equipo gañador, bos xogadores. Isto é unha mensaxe que lle dou ao equipo porque a calidade dos xogadores externamente depende da calidade do equipo, se gaña ou se perde. Onde hai un bo equipo, hai bos xogadores. Onde hai un equipo perdedor, ningún xogador é bo".

Do Málaga CF que dirixe o ex técnico do Fabril Sergio Pellicer, indicou que "é un equipo mimético ao Deportivo. Cambiou a súa estrutura e é igual... Se alguén pregunta como xoga o Málaga, igual que o Deportivo: mesma estrutura, mesma forma de entender o fútbol. Quizais sexan un pouco máis agresivos que nós. Leva 4 partidos con 0 goles. É moi difícil facerlle goles. Vexo un partido súper difícil porque así llo fai o Málaga aos rivais. Catro partidos a cero non é nada fácil".