RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez, que confesa "sentirse orgulloso" do seu equipo, quere en Anduva "recuperar a nosa capacidade de competir, de igualar os partidos"

Fernando Vázquez recomenda a pouco máis de 24 horas do encontro de mañá venres (21:00 horas, Movistar LaLiga) en Anduva ante o CD Mirandés "velo todo en perspectiva. Deberiamos estar orgullosos do que está a facer o equipo. Da situación na que estabamos e na que estamos. Seguimos dependendo de nós e ese orgullo temos que sacalo e expresalo con claridade en voz moi alta, a pesar da derrota do domingo pasado contra o Extremadura".

O técnico deportivista advirte que en Miranda "imos ir a por todas. Eu sempre expreso para quen traballa o equipo, para quen traballo eu. Téñoo moi claro. Traballamos pola nosa afección, que é súper grande, súper importante. Imos facelo por eles. En Miranda imos xogar por eles e imos tentar conseguir a vitoria que nos dea a tranquilidade. Somos Dépor, forza Dépor".

Asegura que no vestiario "todos somos conscientes de que todos nos necesitamos e temos que estar xuntos e unidos. Imos chegar así até o final".

Considera que "ser sólidos é parte importante dun equipo. É a primeira consigna que un adestrador ten que conseguir dun equipo. A partir de aí segundo como vaia o partido e sempre que teñas o control, podes arriscar máis ou menos. Pero a solidez defensiva, estar xuntos e ser un equipo compacto, é un principio ao que non podemos renunciar. E así o tentaremos facer en Miranda".

É máis, cre que "ese tipo de comentarios de que 'o equipo perdeu solidez' sempre vén cando perdes. É normal. Pero o equipo sempre foi sólido e non foi problema de solidez a derrota do outro día. Quizais fose o partido que menos competitivos nos mostramos. Tiñamos unhas expectativas súper elevadas e cando esas expectativas son altas a decepción é maior. Creo que foi o que pasou. O sentimento que eu tiña era compartido co resto dos afeccionados".

Subliña que mañá "nos imos a enfrontar a un rival complicado, dunha calidade moi importante na categoría". Por conseguinte quere "recuperar a competitividade, ser un equipo difícil, complicado, difícil de bater. O que fixemos ben e creo que imos facer perfectamente en Miranda. Temos que recuperar a nosa capacidade de competir, de igualar os partidos e superar aos rivais".

Sancionado en Anduva, Fernando Vázquez chancea sobre a súa comunicación co banco: "Linguaxe de signos. E despois teléfono e walkie talkie. É o que toca. Así me vou a arranxar. Son consciente de que me castigaron o outro día (con 4 partidos máis de suspensión) porque non daba demasiadas ordes desde arriba. Dediqueime moito tempo a berrar e animar. As ordes recíbenas por outro medio. Pero o árbitro apuntou e nada que dicir".

Finalmente, do CD Mirandés avisa o adestrador branquiazul que "é un equipo revelación na Segunda División, especialmente na Copa e tamén na Liga. É un equipo con moita xente cedida, con moitos rapaces novos pero dunha calidade extraordinaria e moi ben dirixidos por Iraola. Así está a súa clasificación e dino os seus resultados".

Recalca que "ás veces en Segunda División a xente descoñece aos xogadores porque non teñen os altofalantes da Primeira División. Pero en Segunda hai grandes xogadores, descoñecidos que nos leva ás veces a desprezar a eses xogadores. Pero moitos deles o ano que vén estarán en Primeira División".