RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez, que ve ao equipo "máis contento, máis solto", alerta de "ás veces unha posible relaxación cando o obxectivo está preto"

Fernando Vázquez subliñou na rolda de prensa previa ao compromiso ante a SD Huesca en ABANCA-RIAZOR de mañá domingo 5 de xullo (17:00 horas, #Vamos) que "o equipo está máis contento, un pouco máis solto. Como digo sempre, vir de bos resultados dáche máis posibilidades de gañar o partido seguinte. Estamos nesta situación".

Iso si, advirte que "ás veces cando unha persoa ou un Club ten un obxectivo, evidentemente está concentrado nese obxectivo. Cando o obxectivo está lonxe, ninguén se baixa do carro. Pero cando o obxectivo está preto ás veces pode haber certa relaxación que espero que non ocorra no noso caso. Pero é un detalle que hai que ter en conta".

Pon para iso un símil ciclista: "Se saio na bicicleta estou a 40 quilómetros de casa, non se me ocorre parar e baixarme da bicicleta. Pero posiblemente cando estou a 500 metros e hai unha subida que me custa, posiblemente diga báixome porque xa estou preto. Erro porque aínda non cheguei ao obxectivo. Algo parecido tenme pasado nalgún outro Club. É un fenómeno que pode darse e non podemos caer niso".

Sen Uche, Fernando Vázquez comenta que seguirá pensando en como substituír ao mediocentro deportivista, lesionado o pasado martes en Tenerife: "Non o teño definido nestes momentos pero poderíache dicir opcións de centrocampistas: ou adiantar a Álex se quero ter un mediocentro defensivo; ou se non, está Gaku, Vicente e Borja. Con eses apuntamentos farei un mediocampo".

Precisamente ve a Borja Valle capacitado para esa misión de centrocampista: "Capacidade ten, habilidade ten. Outra cousa é que un centrocampista non se move exactamente, non ten o dinamismo dun mediapunta ou extremo. A nivel de desempeño da súa función, é un traballo diferente. O que ten que facer Borja é asumir o rol de centrocampista e desempeñalo á perfección en todas as súas facetas. Calidade de pase, calidade de control está sobrado. Se mellora noutro aspecto, pódese converter nun centrocampista importante".

Valora dar descanso a futbolistas con máis minutos, caso de Álex Bergantiños, Mujaid ou Mollejo. "É unha decisión que tomei a principios desta liguiña, para evitar lesións e para chegar co equipo ao final fresco, non fatigado. Un cúmulo de partidos cada 3 ou 4 días pode ser determinante para os resultados. Hai sitios en que estamos collidos con pinzas. Se tivese que sentar a Mujaid ou Álex, podo recompoñer pero tería problemas".

Na súa opinión, o Dépor chega máis fresco ao final dos partidos "polo traballo no confinamento. Hai que recoñecer o traballo impresionante de Manuel (Pombo), de Yván (Castillo) cos porteiros. Unha vez pasado o confinamento, acertamos nas cargas que había que darlle aos xogadores. Non os matamos no sentido dun traballo moi duro aínda que si que traballamos duro. Pero o equipo respondeu perfectamente. As rotacións parécenme importantes porque o outro día aproveitámonos ante o Tenerife, que acabou moi mal. É un equipo que levaba 4 ou 5 partidos repetindo 7 ou 8 xogadores. Considero que xogar cada 3, 4 ou 5 días, co paso dos partidos esa fatiga ten que saír. Adaptar as cargas de traballo entre partidos e saber utilizar aos xogadores é a explicación de porqué dá a sensación de que acabamos os partidos ben"

Da SD Huesca, o adestrador branquiazul resalta que "é un equipo dominador, que lle gusta dominar. É un equipo ben armado, ben estruturado, ben dirixido. Míchel está a facer un traballo importante aí. Ten as súas características de equipo perigoso. Xa vemos onde está. Non me importa moito como foi o primeiro partido (ida en El Alcoraz). Nós imos expoñer un partido tentando buscar os puntos débiles. Non sei que vai pasar mañá pero fácil non llo imos a poñer. Eles están a xogar por un obxectivo importante. O noso non é menos importante. Nese balance de intencións tamén pode haber un punto ao noso favor".

Finalmente achega unha solución ao VAR, "do que é partidario ao 100 %. É unha axuda extraordinaria para os árbitros. Eles téñeno que notar. Case non pita o árbitro. O árbitro é importantísimo nun partido de fútbol pero aos poucos o VAR está a quitarlle problemas. O VAR non se equivoca, quen se equivoca é quen o interpreta. A min paréceme que hai erros incomprensibles, difíciles de entender. En todo caso quedarían reducidos a un 5,4 %. do 100 %. O VAR está a resolver o 95 % dos problemas dunha forma impresionante. O que hai que mellorar é ese 5 %. ¿Como? Paréceme un pouco raro que a xente que está no VAR sexan árbitros en activo. Sería mellor un organismo que non tivese que ver nada co Comité de Árbitros, que poderían ser exárbitros retirados. Formalos e que tomen decisións independentemente de que árbitro estea a pitar. Paréceme duro que un compañeiro poida rectificar, corrixir unha decisión dun colega que está no terreo de xogo", conclúe.