RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez subliña "a simbiose tremenda entre banco e equipo"

Fernando Vázquez subliñou na sala de prensa do Estadio Martínez Valero que o desta tarde ante o Elche CF "era o partido que necesitabamos. Necesitabamos unha vitoria xa e conseguímola cun comportamento grupal dos que estaban no terreo de xogo e na bancada impresionante; cunha simbiose tremenda entre banco e equipo. En circunstancias complicadas ante un equipo con calidade, por iso está onde está; sufrindo moito conseguimos unha vitoria que espero que nos dea moita vida".

O técnico deportivista explica así o partido: "Partimos dunha idea diferente ao que estabamos a facer despois do confinamento, de ser un pouco máis protagonistas. Concedemos un pouco a iniciativa ao rival. Este (o Elche CF) é un equipo que transita moi rapidamente, con xogadores de moitísima calidade, que desbordan fácil. Non os queriamos deixar correr. Sacamos de inicio un equipo diferente, con menos velocidade da que tiña no banco, esperando un pouco que pasase o tempo e que eses cambios de xente con máis velocidade saíse máis tarde. Loxicamente non esperaba a expulsión de Gaku. As solucións que puiden achegar desde o banco serían moi diferentes".

Engade que o Elxe é un equipo que "estaba a pelexar polo playoff e necesitaba gañarnos. Entón decidín sacar velocidade no mediocampo, tanto Mollejo como Hugo; e colocar a Aketxe nesa liña de 4 e coa posibilidade de saír el xogando. Así Hugo e Mollejo tivesen a posibilidade de saír xogando. Xogar sen punta. As cousas saíron ben, metemos un gol e nos últimos minutos a precipitación do Elche CF deunos espazos e tivemos posibilidades de matar o partido".

En canto ás consecuencias deste triunfo, Fernando Vázquez insiste en que "unha vitoria che axuda a conseguir a seguinte" aínda que recoñeceu que "ao equipo fáltalle un pouco de tranquilidade, que se vexa un pouco fóra das posicións de perigo e así seguro que xogará mellor".