RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Temos o noso norte, sabemos cal é o obxectivo e os xogadores sábeno"

Fernando Vázquez confesou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a ausencia de público "ao principio estrañábao moitísimo, mesmo no meu comportamento. Iso téñoo superado e aos poucos voume adaptando. Sinto dunha maneira parecida á que me podería sentir co público no campo. Non sinto coartado no sentido negativo".

Do CD Tenerife, rival mañá martes 30 de xuño no Heliodoro Rodríguez López (19:30, hora peninsular, GOL), o técnico deportivista apunta que o ve capacitado de chegar aos postos nobres da táboa: "É un equipo ben dirixido, consistente, ofensivamente importante e defensivamente ben organizado; e con xogadores de nivel individual, que son cesións, pero dunha calidade incrible. Creo que teñen un centrocampista que marca diferenzas que é Milla".

Ademais, advirte que "o CD Tenerife ten unha vantaxe, que é a aclimatación. O resto de equipos chegamos alí e temos que sufrir un pouco esas circunstancias. É un ambiente que non é o normal na península. Notas que che aplatanas un pouco cando chegas ás illas. Téñolle un pouco de medo a esta circunstancia".

Subliña sobre a apertada clasificación que "se estivésemos a principios de temporada, en Segunda División todos os equipos xogan para clasificarse para o play off. Esa é a realidade. A igualdade é máxima". "Por qué hai igualdade máxima? Porque os orzamentos son iguais. Hai igualdade en case todo. Hai bos adestradores, bos futbolistas pero todos os equipos teñen uns recursos parecidos, excepto aqueles equipos que descenden (de Primeira División). O mesmo pasaría en Primeira División se a nivel de orzamentos, co paso dos anos, fosen iguais. A calidade máis importante dunha competición debería ser a igualdade. E desde instancias superiores sempre se debería pelexar para que os equipos estivesen en igualdade de condicións. En Primeira División non está a ocorrer isto porque hai equipos que reciben da televisión unha cantidade enorme de pasta. En Segunda División non. Igualdade de orzamentos leva a igualdade competitiva. Esta é a lectura que eu fago", engade.

Aínda que recoñece que non fai números, cre que "dous partidos máis gañados serían suficientes. Dicilo agora é fácil. Non ten sentido facer contas. Hai que gañar partidos e non pensar noutra casa. Xogar final, final, outra final, outra final ata que se esgote a temporada e os números dígannos ao final onde estamos".

Fernando Vázquez asegura nesta liña que "temos o noso norte, sabemos cal é o obxectivo e os xogadores sábeno. Interiormente sabemos o que queremos e onde temos que chegar. Por aquí non vai haber problemas".

Así pois, pide "centrarnos en nós, en xogar o noso partido, en gañar. Eu non miro os partidos de Málaga... Ás veces nin a clasificación. Home gústame saber onde está o meu equipo porque idiota non podes ser. Pero mirar os outros partidos, sufrir co Málaga CF, o partido do CD Numancia... Se nós gañamos, non vai pasar nada. Se os demais nos axudan un pouco, benvido sexa. Pero esa axuda tampouco a esperamos".

Preguntado por Ba, o adestrador branquiazul indica que "confío en Abdoulaye absolutamente. Debutou en ABANCA-RIAZOR, non o fixo excesivamente mal. Pero como dixen, non mato a un xogador por unha mala actuación. Terá máis oportunidades. É un rapaz intelixente, centrado e está en disposición de volver xogar. Púxenlle a Ba o exemplo de Uche. Cando chegou púxeno ao principio 45 minutos e tíveno que retirar. E tivo que esperar. Esta é a situación de Abdoulaye. Ten que ter tranquilidade e estaa tendo. Que vai xogar outra vez, seguro".

Finalmente, acerca de Álex Bergantiños, matizou que "o sigo vendo como o miraba antes. Ten capacidade para xogar aí (de central) porque é o posto que manexa por formación. Pero tamén o vexo en mediocampo. Segundo as necesidades do equipo, ireino modificando; tamén sabendo que nalgún momento téñolle que dar descanso".