RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Teño a sensación de que perdemos 2 puntos, non que gañamos 1"

Fernando Vázquez explicou na sala de prensa do Heliodoro Rodríguez López así a xogada do penalti: "Vexo que Mujaid salta limpamente, gaña a pelota con solvencia. Na miña opinión é unha acción defensiva clara de Mujaid. Non hai nada irregular. É o que percibo e o que me están dicindo xente que viu o partido. Non entendín moi ben esa acción. O que molesta un pouco é que hai que ter certa humildade para poder ir velo ao VAR. Teñen o VAR, que me parece unha arma marabillosa. Nese sentido podía ir el a revisar esa xogada. Non foi así".

Sobre a súa expulsión, o técnico deportivista sostén que "protestei unha vez e fun expulsado. Protestei unha falta que me parecía a min clara sobre Aketxe preto da área rival. Decidiu expulsarme. Pensaba que me merecía un cartón amarelo pero veu rapidamente co colorado este".

Opina que o partido "era para gañar. Desgastamos un pouco ao Tenerife, que era un equipo que non fai moitas rotacións. Esperaba que nun momento determinado notase os partidos que levan encima os xogadores. Foi cando decidimos sacar a Aketxe, Çolak e a Christian Santos. A partir de aí gañamos o balón con tranquilidade, moviamos a pelota con facilidade e tivemos ocasións moi claras para adiantarnos no marcador. A sensación que teño é que é unha mágoa que esta vitoria nos lanzaría dunha forma extraordinaria. Un empate non está mal pero non era o que queriamos, tal e como foi o partido".

Por este motivo, subliña que "se aproveitásemos as ocasións que tivemos, o penalti pitado en contra sería insignificante e o partido estaría gañado. Teño a sensación de que perdemos 2 puntos, non que gañamos 1".

En canto a Uche, lesionado na primeira metade, apunta que "non ten boa pinta. Ten unha contusión no xeonllo pero é posible que o ligamento... E se o ligamento está tocado é unha perda para o que queda de temporada".

Finalmente, desvelou que "hai un futbolista que non asinou ese contrato" de ampliación ata que acabe a temporada. A causa, segundo Fernando Vázquez é que "considera (Koné) que ten que ver co aspecto deportivo, que non está a xogar o que el cre que ten que xogar".

Pola súa banda, Rubén Baraja, técnico do CD Tenerife, lamentouse de que "tes a posibilidade de gañar o partido e na última acción demos 2 opcións para que nos fixesen gol e xustamente caeulle ao xogador máis determinante nese tipo de situacións".

Recalca que o partido "foi difícil. Enfronte tiñamos un gran rival que está a facer unha segunda volta moi boa. Para nós ten que ser 1 punto que ten o seu valor. Estivemos preto de sumar os 3 pero cando non podes gañar, empatar sempre dáche a posibilidade de sumar e de cumprir o obxectivo".